Na rúa Concepción Arenal, o concello adquiriu a finais do ano pasado dúas parcelas e en colaboración con ABanca conseguiu a cesión doutro terreo nesa zona, que permite abrir un vial con beirarrúas, iluminación, saneamento, novos aparcamentos e todos os servizos. Crearase unha ampla zona verde con parque infantil e equipamentos biosausables.
“É unha obra importante para desbloquear unha zona para a que se levaba tempo reclamando solucións. Coa compra destes solares conseguiremos abrir un vial e dar mellores comunicacións e servizos. Contarase cunha ampla zona verde con árbores e céspede para disfrute de todos os veciños que xa nos trasladaron o agradecemento por atender esta demanda”, asegura o alcalde do concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Por outra banda, na contorna da rúa Ribeira Sacra, no espazo que se creou fai anos lindeiro coa rúa Emilia Pardo Bazán, proxéctase ampliar esa zona verde a abrir unha saída neste punto no que se producen embotellamentos de tráfico. “Nesta zona quitaranse os muros de bloque actuais e colocarase novo pavimento, dotarémolo de beirarrúas e unha zona verde con especies autóctonas”, explica o rexedor.
O concello investiu nestes solares 150.000€ para poder mellorar 2.500m2 de superficie. A previsión é comezar os traballos co inicio do verán, facendo as primeiras obras cos participantes no Obradoiro de Emprego.

