Segundo a CIG Saúde o cadro de persoal deste centro de saúde é de tres médicos/as de familia e unha pediatra, 3 profesionais de enfermería e 2 de persoal de administración, pero a realidade asistencial é outra cunha praza sen cubrir e outra das prazas de baixa. “Moitos días só hai dous médicos/as no Centro de Saúde de Escairón e durante 3 horas moitos días da semana hai só unha profesional médica que atende a unha poboación de máis de 2500 pacientes”, denuncian.
Por outra banda o municipio do Saviñao conta cun servizo de pediatría que atende ás crianzas menores de 15 anos os luns e os xoves. Ademais pasa consulta os mércores en Bóveda e A Pobra do Brollón e os martes e venres en Quiroga. Este servizo atende a máis de 1000 cativos/as cunha media de nacementos de 3 nenos/as ao mes e con axendas en Centros de Saúde que poden superar a media de máis de 25 pequenos/as cada día. A isto engaden que nesta semana a Pediatra Itinerante da Zona Sur de Lugo colleu a baixa e seguramente sexa un proceso de longa duración.
A día de hoxe a solución facilitada por Dirección foi: derivar o xoves 28 de maio do 2026 os/as nenos/as de O Saviñao ao Servizo de Pediatría de Chantada en quenda de tarde en modalidade de prolongación de xornada de 4 horas; o mércores 03 de xuño do 2026 citar os/as cativos/as dos Concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Folgoso de Caurel e Quiroga no Centro de Saúde de Monforte, cunha xornada de prolongación de xornada de 2 horas; e o xoves día 04 de xuño, 4 horas de prolongación de xornada en Chantada para as crianzas do Saviñao.
“Como Organización Sindical consideramos que as prolongacións de xornada de pediatría itinerante son puntuais e unhas medidas que cualificamos de parche totalmente insuficiente”, asegura o sindicato.
Demandan á Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos a cobertura urxente da praza vacante de médico de familia mediante un nomeamento estable e a asignación inmediata de substitutos/as fixos/as e continuados para as prazas da médica de familia e a profesional de pediatría intinerante da Zona Sur de Lugo en situacións de baixa .
Ás portas do verán o sindicato alerta da “situación límite e de extrema gravidade” que atravesa a atención sanitaria na Zona Sur da provincia de Lugo, debido á falta de profesionais médicos/as na Atención Primaria e repasan as seguintes problemáticas:
En Folgoso do Courel con dous Centros de Saúde e dende o verán do ano 2025 só hai unha médica para as dúas Unidades de Atención Primaria. Algúns días unha das UAP podía ser atendida por prolongacións de xornada de facultativos/as de 4 horas. Iso supuxo que moitos días de moitos meses só houbera unha profesional médica no Concello de Folgoso. Lembran que posiblemente o 1 de xuño a situación cambie como consecuencia da intervención da Valedora do Pobo.
Na actualidade na Pobra do Brollón só hai unha médica de familia de dous médicos de cadro de persoal que debería haber. No 2026 a segunda praza de médico de atención primaria estivo atendida dende mediados de febreiro ata finais de abril do 2026, e a día de hoxe non hai visos de cobertura estable por unha praza de médico de familia.
O Centro de Saúde de Quiroga conta cunha plantilla de 3 facultativos e en días pasados só había un profesional de cadro de persoal e moitos días unha prolongación de xornada de 4 horas, estando o/a profesional médico/a 3 horas como único facultativo na localidade de Quiroga, e algún día permaneceu só toda a xornada laboral para atender a unha poboación de máis de 3200 pacientes.
Advirte o sindicato que “esta situación crítica empeorará drasticamente nas próximas semanas ante a negativa de Dirección de Atención Primaria a cubrir as vacacións dos profesionais sanitarios das Unidades de Atención Primaria do noso Distrito Sanitario, o que deixará aos Centros de Saúde da Zona Sur de Lugo baixo mínimos e cunha poboación de pacientes desprazados nas localidades que se duplicará o incluso se triplicará nos meses de xullo e agosto”.

