O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, recibiu esta semana á Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next, entidade á que representou na reunión o seu presidente, Severino Rodríguez.
O encontro, para crear vías de comunicación e de colaboración, tivo lugar na sede da Delegación do Goberno en Coruña. O delegado salientou a acción do Goberno de España para que a Ribeira Sacra sexa declarada como lugar Patrimonio Mundial da UNESCO. Obxectivo este no que o Estado leva traballando durante anos, avanzando en cada un dos procesos necesarios con lealdade e colaboración institucional “sempre coa idea de dinamizar a riqueza e o patrimonio da Ribeira Sacra como a nosa meta”, subliñou Blanco ao tempo que lembrou que o Ministerio de Cultura segue avanzando con este fin, “con rigor e sen descanso, evidenciando o compromiso do Goberno”.
Pedro Blanco recoñeceu o traballo de entidades como a Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next para que as accións do Goberno cheguen ao territorio e á cidadanía, impulsando sectores estratéxicos para toda Galicia que son referencia nesta comarca e dotándoa de novas oportunidades. E tamén lles agradeceu o seu labor animándoos a seguir amosando todas as potencialidades turísticas, vitivinícolas, patrimoniais e culturais que ten o territorio e a súa contorna.

