Véñense de presentar en Madrid as últimas novidades do Corredor Atlántico de Mercadorías, nun acto presidido polo Ministro de Fomento, José Luis Ábalos, no que participou o alcalde de Monforte, José Tomé.
O plan director prevé 3.558 millóns de euros para a zona noroeste: 1.293 en renovacións e 2.265 para obras de nova construción. No último acto conxunto, Galicia, Asturias e Castela e León presentaron un estudo que estimaba nuns 3.1000 millóns os fondos necesarios para modernizar o seu tren.
Dacordo coa presentación do plan director, o cuadrante noroeste recibirá 370 millóns de euros durante este ano 2019, que se investirán en actuacións en tramos de vía. Na liña que afecta a Monforte, que desde Venta de Baños transcorre por León-Ponferrada-Monforte de Lemos-Ourense-Vigo-A Coruña, faranse varias melloras. Estase xa con estudos de mellora nalgúns tramos ou ben comezando a desenvolver proxectos.
NODO DE MONFORTE
Adif propón neste punto un modelo colaborativo de promoción/xestión/explotación, con colaboración pública na promoción e iniciativa privada en explotación. “O desenvolvemento destes nodos axustarase ao interese empresarial e a demanda do transporte”, indica.
Na proposta de modificación do Corredor Atlántico á rede básica, chama a atención sobre que as comunidades de Navarra, A Rioxa, Cantabria, Asturias e Galicia (polas que non discorren corredores) supoñen o 18,28% da poboación e o 16,93% do PIB. Así, os novos nodos incorporados polo Ministerio de Fomento inclúen Ourense, Vigo e A Coruña, no que respecta á comunidade galega.
Segundo o alcalde de Monforte, o importante é que o plan sobre o Corredor xa está enriba da mesa en documentos concretos, “O Corredor é xa unha realidade documental sobre a que se está a traballar, co obxectivo de poñelo en marcha a medio prazo”. Un proxecto que estará incluído no novo período orzamentario europeo 2021-2017.
Ao referirse ao Corredor Atlántico, José Tomé destacaba que “é moi boa noticia para a cidade, porque Monforte será un dos dous nodos loxísticos, xunto con Ponferrada, que figura na liña Venta de Baños-Vigo-A Coruña”. Esto implica que Monforte contará, se todo vai segundo o previsto, cunha plataforma ferroviaria de altas prestacións que canalizará un gran volume de mercadorías.
