HomesociedadeO CCU de Monforte convida a participar nunha noite de compras 'Mundial'

O CCU de Monforte convida a participar nunha noite de compras ‘Mundial’

A cita comercial e festiva será o vindeiro venres 26 de xuño, data na que o comercio local abrirá ata medianoite para celebrar o comezo das rebaixas de verán e vivir o ambiente mundialista. Será unha noite con música, obradoiros infantís, comida e unha choiva de 1.500 globos con 1.000 € en premios.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O Centro Comercial Urbano de Monforte recupera as noites temáticas do comercio local o venres 26 de xuño baixo o nome “Mundial de Compras”, aproveitando o ambiente do Mundial de Fútbol e coincidindo co inicio das rebaixas de verán.

Esta campaña converterá o centro de Monforte nun espazo de compras, lecer e encontro social, cunha apertura especial dos establecementos participantes de 20:00 a 00:00 horas. “Durante esa noite haberá música, batucada, obradoiros infantís, flocos de millo, hot dogs, propostas especiais nos comercios e unha gran choiva de globos con premios na Praza de España”, refiren dende o CCU.

BENVIDA ÁS REBAIXAS E MOITOS PREMIOS

O Mundial de Compras servirá para darlle a benvida ás rebaixas de verán no comercio local de tal xeito que os establecementos participantes abrirán ata medianoite e algúns deles complementarán a campaña con promocións, descontos, obsequios, mesas doces, decoración temática ou outras propostas especiais para a súa clientela.

O momento central da noite chegará ás 21:30 horas na Praza de España, coa celebración dunha espectacular choiva de 1.500 globos con premios. Concretamente “choverán” 1.000 € en premios que estarán repartidos en 11 premios agochados entre os 1.500 globos (un de 250 €, un de 150 €, 3 de 100 € e 6 de 50 €). As persoas gañadoras terán ata a medianoite para gastar o seu premio nos comercios participantes. Iso si, os cartos “chovidos do ceo” terán que gastarse esa mesma noite para marcar un “golazo nas rebaixas de verán”.

PROPOSTAS DE LECER PARA ESA GRAN NOITE

A programación de lecer para esa noite incluirá obradoiros infantís, instalaranse carriños de flocos de millo e hot dogs (presentando tickets de compra de establecementos asociados ao CCU válidos desde o 1 de xuño de 2026 e ata fin de existencias), e haberá batucada para encher de música as rúas.

O CCU ANIMA A SUMARSE AO AMBIENTE FUTBOLEIRO DO MUNDIAL

“A temática futboleira da campaña responde ao contexto do Mundial de Fútbol, que marcará tamén o ambiente destas datas”, afirman dende o CCU que anima a veciños, visitantes, familias e grupos de amigos a sumarse á festa acudindo –se lles presta–, cunha camiseta, bufanda, bandeira, cores da súa selección favorita ou calquera detalle relacionado co fútbol.

Segundo sinala Ángel Folgueira, xerente do CCU de Monforte, “queremos que o venres 26 de xuño Monforte teña unha desas noites nas que apetece saír á rúa. A campaña combina comercio, rebaixas, música, actividades para familias, premios e ambiente futboleiro, pero o máis importante é que a xente responda e que os comercios participantes poidan aproveitar unha noite especial para conectar coa súa clientela”.

ÚLTIMAS

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...