A renovación da Praza supón unha mellora significativa na accesibilidade ao recinto da Estación tanto para o tráfico rodado como peonil. As obras supuxeron o levantado do adoquinado existente e eliminación das fochancas, substituíndoo por asfaltado. Ampliáronse as beirarrúas e construíronse novas medianas axardinadas reordenando o conxunto. As actuacións completáronse coa renovación da rede de saneamento, reforzo e renovación da iluminación, equipamento e sinaléctica.
Asimesmo, o alcalde adiantou que nas medianas axardinadas plantaranse árbores entre farola e farola para crear zonas de sombra. Esta actuación farase previsiblemente no mes de novembro, por ser mellor época para garantir que a plantación teña éxito.
De forma simultánea á apertura da Praza da Estación quedou habilitado tamén o tramo duns 50 metros de aparcamento na rúa Calvo Sotelo que estivo reservado para o uso dos autobuses durante as obras e, polo tanto, xa se pode aparcar nesta zona.
No caso da Praza da Estación, a reordenación dota o espazo de máis de medio cento de prazas de estacionamento ben delimitadas, incluíndo as reservadas a persoas con mobilidade reducida, taxis e zona de recarga para vehículos eléctricos, así como espazo para autobuses, carga e descarga e acceso para ambulancias.
O Alcalde, José Tomé, puxo en valor unha actuación destas dimensións: “Estamos ante unha obra moi importante que poñemos en marcha para seguir mellorando a nosa cidade con proxectos transformadores e que benefician ao conxunto da cidadanía”.
Actuacións executadas na Praza:
• Tratamento xeral da praza delimitando a zona de paso de peóns e organizando a circulación de vehículos e prazas de aparcamento.
• Inclúese un punto de recarga de vehículos eléctricos e unha zona de paradas rápidas (kiss & ride.
• Renovación dos pavimentos incluíndo beirarrúas, asfaltado e construcción de novas medianas axardinadas.
• Reforzo e renovación da iluminación.
• Rede saneamento separativa exterior na zona da praza.
• Equipamento e sinaléctica.

