A Denominación de Orixe Ribeira Sacra anuncia a reincorporación da adega Envínate. Esta incorporación materializa un dos compromisos adquiridos polo actual equipo directivo, “a integración daquelas adegas que, malia operar no territorio amparado pola denominación, permaneceran fóra dela. Un obxectivo que reflicte a vontade de construír unha denominación máis cohesionada, representativa e ambiciosa”.
Envínate, adega que exporta actualmente a máis de 40 países e é recoñecida internacionalmente pola súa aposta por poñer en valor o territorio a través do respecto e do traballo cos diferentes terroirs, variedades autóctonas e territorios de montaña, pasa a formar parte da denominación coa que comparte ese empeño no recoñecemento dun territorio baseado na obtención de viños de calidade a través da viticultura.
A DO Ribeira Sacra atópase actualmente en conversas con outras adegas nunha situación semellante, entre as que destaca Sílice, cuxa traxectoria e posicionamento internacional as sitúan como interlocutoras naturais deste proxecto compartido. “Adegas con elaboracións especiais, recoñecidas nos mercados máis esixentes do mundo, que poden achegar experiencia, visibilidade e unha perspectiva diferencial a unha denominación que aposta decididamente pola excelencia”, aseguran desde o consello regulador.
“É o momento de sumar entre todos e seguir falando no mundo da grandeza da Ribeira Sacra, achegando a nosa experiencia en distintos mercados internacionais. Compartimos os cambios que se están a realizar para focalizarse no territorio e engadir entre todos ese valor engadido: ten pleno sentido camiñar xuntos”, afirman.

