Segundo o Asociación, a Xerencia argumenta que “non hai médicos, cando precisamente a súa función é buscalos, destinar fondos para novos contratos, facer oferta de emprego noutras comunidades e ata no extranxeiro, comunicarse cos Colexios Médicos doutras provincias, etc”.
Aseguran que O Saviñao nunca sufrira como agora o abandono nos coidados médicos e a privación do dereito constitucional á saúde. “A precariedade na cobertura sanitaria xa afectara gravemente aos municipios veciños de Chantada, Monforte e Pantón, e agora tócalle ao Saviñao. Esta comarca está sendo especialmente castigada dende que se centralizaran en Lugo as contratacións de persoal e a xestión sanitaria da área de Monforte”, afirman.
Xa no ano 2018 o concello do Saviñao perdera unha praza médica, o que provocara fortes protestas, como está a suceder agora, “O sistema sanitario galego fai augas e nesta zona estámolo padecendo tanto na atención primaria como na hospitalaria”.
A Asociación Veciñal do Saviñao esixe urxentemente da Consellería, como máxima responsable da xestión sanitaria, a cobertura estable e continuada de todas as prazas médicas no centro de saúde de Escairón ata que as ocupe o persoal definitivo e lembran que, “no noso municipio coa chegada das familias de emigrantes que volven ás súas casas na temporada estival, vaise duplicar a poboación, co máis que previsible caos sanitario no municipio”.

