O novo colectivo preséntase como unha asociación de ámbito autonómico centrada, como o seu nome indica, na defensa do territorio e a protección do medio rural fronte a actuacións externas que poñan en risco a calidade de vida e a economía local, con especial atención á comarca de Chantada e a súa contorna.
A asociación xorde como resposta directa aos proxectos dos parques industriais eólicos de Agratina e Agromaces publicados no Boletín Oficial do Estado (BOE) en 2025, nos que se contemplan distancias de aeroxeradores a menos de 300 metros de vivendas ou explotacións gandeiras. Alertan tamén dos proxectos de baterías de litio Belesar I e Belesar II na parroquia de Pesqueiras, “onde as distancias previstas son aínda menores”.
“Non estamos en contra das enerxías renovables, imprescindibles para avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible, nin tampouco dos aeroxeradores. O que defendemos é que a súa implantación sexa compatible coa vida das persoas e co benestar dos animais, garantindo unha convivencia que non prexudique a ninguén”, aseguran, “o obxectivo é esixir unha ordenación do territorio racional, que evite converter o rural galego nun territorio de sacrificio”.
Anuncian que irán en contra de calquera actuación que dificulte a permanencia das persoas no rural ou que comprometa a súa calidade de vida e a súa dignidade, nun contexto no que a despoboación é unha realidade cada vez máis preocupante.
No acto de presentación contarase coa participación de veciños da parroquia de Esmeriz, “que compartirán a súa experiencia tras vivir de primeira man os impactos sufridos pola implantación de parques eólicos no seu territorio”. A orgnaización anima á veciñanza a participar neste acto e a unirse á asociación.


