Julio Casas é natural de Teilán, onde aínda reside coa súa dona Guillermina. Naceu na Casa do Coto e tivo tres fillos, dúas mulleres e un home. A día de hoxe ten ademais tres netos. O centenario estivo emigrado en Francia, onde traballou como carpinteiro, o mesmo oficio que tivo ata a súa xubilación. Parte da súa vida laboral desenvolveuna en Rubián, na Carpintería do Mariño.
En varias ocasións Julio Casas tentou mercar unha das pezas que Eugenio Linares prepara con tanta destreza coa súa motoserra. A última delas durante a celebración da Feira Outrora de Rubián, a pasada semana, cando se achegou e viu o traballo que estaba a facer; un banco cun zorro nunha das beiras.
O que Julio non sabía é que ese sería o agasallo co que Linares e o Concello de Bóveda lle ían felicitar o seu centenario, que celebraron por sorpresa este domingo nas naves da feira de Rubián. Tamén recibiu outros agasallos dos seus familiares e amigos, que o fixeron moi feliz e lograron que se emocionara moito.
Alí déronse cita un cento de persoas, entre as que se atopaba a súa familia e amigos, moitos deles cos que mantivo relación noutras épocas e que non dubidaron en achegarse para participar na sorpresa. O menú, ademais doutras viandas, sumou polbo, o manxar que Julio degusta en Rubián todos os 14 e 29 coincidindo coas feiras mensuais.

Centenario Julio Casas / Concello de Bóveda
Casas atópase en perfecto estado de saúde. Atende a horta e aos seus animais domésticos e vai todos os días ata Bóveda no seu propio vehículo para tomar o café ou facer os recados da casa. A súa familia recoñece que foi un día moi emotivo e que Julio xa goza do seu banco na súa casa do Souto, onde sempre quixo ter unha peza das feitas por Linares.
O Concello de Bóveda conta a día de hoxe con catro centenarios, tres mulleres e Casas, o único home de máis de cen anos.

Centenario Julio Casas / Concello de Bóveda

