Nas actividades destaca, como sinalou o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo, a promoción das tradicións locais co Folión de Carros que se celebra o sábado, 22 de agosto, o XXXV Certame de Bandas de música de Chantada, que se leva a cabo na Praza do Cantón ou a Festa da Empanada na xornada na que rematan as Festas Patronais de Chantada.
Non faltarán os concertos, eventos culturais, xogos infantís e sesións de fogos artificiais. A primeira xornada de Festas ábrese con concertos na Praza de Catro Camiños onde desde as 22:00h actuarán “Los Limones” e “Malenne”. “Recuperamos o concerto de Malenne que non puidemos celebrar o pasado ano por un problema vocal co cantante e traemos a Chantada a frescor que a finais dos anos 80 e comezos dos 90 nos deixaron Los Limones”, explicou Diéguez.
O venres, 21 de agosto, desde as 23:30h celebrarase o II “Ata o Chan Festival”, o Festival de DJ´s que traerá a Chantada o último en música electrónica, contando cun dos artistas que animou a celebración en Madrid do triunfo da Selección Española no Mundial de Fútbol. O Festival levarase a cabo na contorna do Pavillón Municipal de Chantada, nun espazo pechado con control de acceso, como o pasado ano, para garantir a seguridade da celebración
O sábado, 22 de agosto, comezará ás 11:30h con pasarrúas da “Agrupación Tradicional da Casa da Música” acompañada de Cabezudos. Nesta xornada celébrase o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego, declarada tamén Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018. A cita que organiza a Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada comezará o seu percorrido ás 23:00h, despois da actuación da “Banda de Gaitas do Concello de Chantada”.
Tralo desfile, chega o momento na Praza de Galicia, da lectura do pregón das Festas que este ano correrá a cargo do escritor, D. Xosé Miranda Ruíz. O tamén licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 1978, exerceu de profesor desta materia no IES Lama das Quendas de Chantada. O sábado desde as 01:00h na Praza de Santa Ana haberá verbena coa “Orquestra Tango”.
O domingo, 23 de agosto, desde as 11:30h, o grupo de gaiteiros, Os Barrios desfilará con cabezudos e ás 13:30h a Banda de Música de Muimenta actuará no Parque Eloísa Rivadulla.
Pola tarde, desde as 18:00h na Praza do Cantón terá lugar o tradicional Certame de Bandas de Música coa Banda de Música de Chantada, a Banda de Música de Miumenta e a Banda de Música de San Cibrao das Viñas. As actuación que protagonizarán as verbenas da noite desde as 22.00h serán, a da “Orquestra Paris de Noia” en Xoán XXIII e “Los Satélites” na Praza de Santa Ana.

O luns, 24 de agosto, abrirase ás 11:30h co pasarrúas do grupo de gaiteiros Os Barrios. Pola tarde, as protagonistas serán as actividades infantís; no Parque Eloísa Rivadulla haberá entre 17:00 e 20:00h, xogos tradicionais e festa con inchables.
Nesta xornada actuarán desde as 22:00h na rúa Xoán XXIII o “Grupo Top Lider” e na Praza de Santa Ana, o “Combo Dominicano”. Ás 00:00h desde o Praza do Pavillón Municipal está previsto o comezo da sesión de Fogos artificiais.
O día 25, último día das Festas Patronais de Chantada celebrarase a tradicional Festa da Empanada no campo do San Lucas contando coa ambientación musical de “Os Barrios” e as charangas “Unión Phenosa”, “Louband” e “Fanfarria Furruxa”.O concertos nocturnos deste último día de Festas correrán por conta de “Orquestra Funçao Publika” en Xoán XXIII e a “Orquestra Charleston Big Band” na Praza de Santa Ana.
“Con esta programación consolidamos unhas Festas de intensa actividade social, cultural e de lecer para desfrutar con familia e amizades. Convidamos a veciñanza e visitantes a que participen das propostas e gozar con nós destas Festas de Chantada”, anima o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que agradece o traballo de todas as persoas que fan posible esta celebración.
O carácter festivo e tradicional das Festas refléxase no cartel que anuncia a celebración deste ano, obra do artista local, Jon González (JonGo Art). Cunhaestética de ilustración tipo cómic, o autor representa a vitalidade, as tradicións da localidade e os elementos esenciais da identidade cultural do municipio como o seu patrimonio.


