Este dispositivo especial regula tanto o tráfico da cidade como as zonas de aparcamento, para facilitar a circulación de vehículos durante os días de traballos preparativos para as Festas Patronais, os días propios de celebración das Festas e os días posteriores, nos que se realizan os traballos de desmontaxe das atraccións e palcos musicais.
Por ser necesario para albergar as principais barracas e atraccións das festas, procederase ao peche do estacionamento no Parque dos Condes desde ás 23:00 horas do venres 7 de agosto ata a completa desmontaxe das instalacións, que deberá rematar ao longo do día 18 de agosto, podendo utilizarse novamente na medida en que vaia quedando libre.
Como alternativa, ademais de manter aberto o aparcamento existente na rúa Sarria, abrirase ao público un solar na rúa Francisco Moure, pasando o paso a nivel, na marxe dereita, a carón do edificio de Fenosa, que estará dispoñible ata a finalización das festas e a reapertura do Parque dos Condes. A ubicación deste estacionamento alternativo estará sinalizada.

Para permitir a montaxe das barracas e os postos das Festas, desde o domingo 9 de agosto e ata a finalización do evento e desmontaxe das atraccións, suprimirase o estacionamento na rúa Compañía, pola marxe dereita no tramo situado fronte ás Casitas.
Do mesmo xeito, desde o luns 10 de agosto non se poderá estacionar en ambas marxes de rúa Compañía, na zona dos quioscos, ata o Paseo de Lugo e na marxe dos números pares da rúa Dalmiro de la Valgoma, a cal permanecerá habilitada como vía de dobre sentido de circulación durante todos os días das festas.
Do 11 ó 16 de agosto, ambos incluídos, desde ás 18:00 horas ata a finalización das actuacións, que se estiman aproximadamente ás 04:00 horas, o tráfico estará cortado na súa totalidade na rúa Compañía, así como no tramo de Escultor Francisco Moure que vai dende o seu inicio ata a confluencia coa rúa Sarria. No tramo de rúa Compañía que vai dende a bifurcación ata o Paseo de Lugo, o tráfico estará cortado as 24 horas, permitíndose o paso pola mañá dos días laborables a residentes e vehículos comerciais para carga e descarga.
Nese horario, o tráfico procedente do centro da cidade será cortado na glorieta de Puente Fontecha e desviado por Roberto Baamonde – Av. Galicia – rúa Sarria/Celso Emilio Ferreiro. Para acceder a Carude e A Pinguela, o tráfico seguirá por rúa Dalmiro de la Válgoma, que será de dobre sentido de circulación, polo que se suprimirá o estacionamento na marxe dos pares. No caso da rúa Escultor Francisco Moure, o tráfico estará cortado a altura da rúa Sarria e desviarase por esta vía e a Avenida de Galicia, ata rúa do Conde ou Roberto Baamonde.
Así mesmo, durante todas as datas de celebración das Festas Patronais, pecharase ao tráfico a rúa Duquesa entre as 00.00 e as 8.00 horas.
Sábado 15 de agosto, o tráfico de subida ao conxunto monumental de San Vicente desde o Campo da Virxe estará cortado desde as 10:00 horas ata a finalización dos actos de misa e ofrenda floral que se estima será sobre as 13:00 horas. Pecharase de novo ás 23:30 horas para o lanzamento dos fogos artificiais e abrirase cando remate esta actividade, que se estima será sobre as 00:45 horas. Tamén se prohibirá o estacionamento na subida.
Domingo 16 de agosto, desde as 23:00 horas ata a finalización dos fogos do río, que se prevé sobre a 00:40 da madrugada, estará cortado o tráfico en todo o Paseo do Malecón, así como na Ponte Vella e nas rúas de acceso a esta (Méndez Casal desde Campo de San Antonio) e Santa Clara desde o enlace con rúa Corredoira.
Punto Violeta fixo e móbil
Por outro lado, tamén se instalará un Punto Violeta, que é un instrumento promovido polo Concello para implicar a toda a sociedade na loita contra as violencias machistas e a lgtbifobia. Non é só un lugar de información, senón un espazo seguro onde as persoas agredidas poden atopar apoio, refuxio e acompañamento profesional en momentos de vulnerabilidade, especialmente en contextos de lecer, festas ou eventos masivos.
Este ano, como novidade, ademais de prestarse este servizo dende un Punto Violeta FIXO que estará instalado nas Casitas, ampliarase a atención a través dun Punto Violeta MÓBIL, que será unha persoa mediadora con formación en prevención da violencia de xénero e promoción da igualdade, que percorra o recinto de ocio e da zona dos concertos portando unha mochila cunha bandeirola (Fly-banner) de cor violeta, visible por riba das cabezas do público.
O Punto Violeta fixo instalarase nas Casitas dos Escolapios e constará de dous espazos consecutivos e diferenciados, unha carpa de cor violeta, ampla e visible, dende a que se realizarán as funcións de sensibilización, reparto de material e información xeral respecto ao Punto Violeta, e unha segunda estancia, dentro das dependencias das Casitas, para prestar atención ás persoas que o demanden nun espazo privado garantindo a confidencialidade e protección.
O horario de atención neste punto fixo comezará todos os días das Festas ás 22:00 horas e prolongarase ata a 1:00h o martes 11, ata ás 4:00h os días 12, 13, 14 e 15, e ata as 5:00h o domingo 16.
Polo que respecta ao Punto Violeta móbil, estará activo de mércores 12 a domingo 16 de 23:00 a 4:00 horas, agás o día 16 que prolongará o servizo ata as 5:00h.
Baños públicos
Así mesmo, o recinto festivo contará durante todos os días de celebracións con baños públicos en dous puntos. Un grupo estará situado na nova rúa Parque dos Condes, aberta a finais de xullo xunto a nova fonte, e o outro na rúa que discorre entre o parque infantil da Compañía e o muro do Colexio dos Escolapios.

