Dentro da programación de Festas Patronais do Concello de Chantada recupérase para este xoves pola noite o concerto do grupo monfortino Malenne que o pasado ano non se puido celebrar por un problema vocal do cantante e tráese a Los Limones, a banda de pop rock nada en 1983 co nome de Los Limones del Caribe.
O II “Ata o Chan Festival” protagoniza a xornada do venres, 21 de agosto, en Chantada. Desde as 23:30h na Praza do Pavillón Muncipal contarase con algúns dos nomes que máis soan na música electrónica, José de las Heras, Pawly, Dumore, Carlos López e Marcos Magán. A entrada está aberta a todas as persoas interesadas, con control de acceso para garantir a seguridade da celebración.
O sábado, 22 de agosto, Chantada celebra unha das súas citas máis tradicionais, o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC). Está previsto que o desfile do Folión, comece ás 23:00h despois da actuación que ofrecerá a Banda de Gaitas do Concello de Chantada.A cita organizada pola Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada contará nesta edición con 13 carros participantes.

Tralo desfile, chega o momento na Praza de Galicia, da lectura do pregón das Festas que este ano correrá a cargo do escritor, D. Xosé Miranda Ruíz. Coñecido en Chantada tamén pola súa figura como profesor de Bioloxía no IES Lama das Quendas, Miranda Ruíz, é especialista en mitoloxía popular e literatura de transmisión oral e ten recibido numerosos premios e recoñecementos polas súas novelas e relatos. A actuación musical desta noite correrá por conta da orquestra Tango na Praza de Santa Ana desde a 1:00h.
O domingo, 23 de agosto, destaca na programación das Festas o XXXV Certame de Bandas de Música, que se celebra na Praza do Cantón desde as 18:00h coa Banda de Música de Chantada, a Banda de Música de Muimenta e a Banda de Música de San Cibrao das Viñas. As actuacións que protagonizarán as verbenas da noite desde as 22.00h serán, a da orquestra París de Noia en Xoán XXIII e Los Satélites na Praza de Santa Ana.
A programación infantil destaca na xornada do luns, 24 de agosto con xogos tradicionais e festa con inchables no Parque Eloísa Rivadulla desde as 17:00h. Pola noite contarase coas actuación do Grupo Top Líder e do Combo Dominicano. Nesa xornada está prevista a sesión de Fogos Artificiais, ás 00:00 desde a Praza do Pavillón Municipal.
O Concello de Chantada pecha as súas Patronais o martes, 25 de agosto, festivo local e xornada na que se celebra a tradicional Festa da Empanada no campo do San Lucas. A celebración contará coa ambientación musical de “Os Barrios” e as charangas “Unión Phenosa”, “Louband” e “Fanfarria Furruxa”; e queda non autorizado o uso de equipos de música particulares.

Para o adecuado desenvolvemento desta celebración establécese servizo de autobuses que circularán permanentemente desde as 11:30h. ata as 21:00h entre a Praza de Santa Ana e o lugar de celebración por un prezo de 3€ a viaxe. O Concello anima a que se faga uso destes autobuses e se evite seguir no campo depois de que remate o servizo de bus. Os concertos nocturnos deste último día de Festas correrán por conta de Orquestra Funçao Publika en Xoán XXIII e a Orquestra Charleston Big Band na Praza de Santa Ana.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, anima a veciñanza e visitantes a participar das diferentes actividades e celebrar estes días en familia, “compartindo a ledicia destas festas e celebrando as nosas tradicións e todo o patrimonio que nos dá a nosa paisaxe, a nosa historia e a nosa cultura. Convídovos a visitarnos e gozar da gastronomía, do viño e da compaña das xentes de Chantada”.


