O pasado día 20 de agosto Roberto Vila García, natural do Nocedo (Quiroga) e veraneante no Nabín, foi protagonista da segunda cita da serie “Historias de vida”, iniciativa enmarcada dentro das “Conversas de Verán” que promove o Concello de Ribas de Sil para achegar á xente traxectorias vitais de persoas vinculadas á Comarca de Quiroga, no territorio do Xeoparque Montañas do Courel.
Na charla, Roberto repasou con Luis Fernández, concelleiro de Cultura, unha vida que o levou por diferentes países, culturas e sistemas educativos. Abondoso público estivo presente así como tamén os propios pais do convidado: Rosa de Carballo de Lor, e Antonio, do Nocedo.
FORMACIÓN ACADÉMICA DO PROTAGONISTA
Roberto realizou os seus estudos primarios e secundarios en Quiroga. Comezou no Colexio Público de Quiroga e continuou no Colexio Municipal Homologado de Quiroga, actual IES de Quiroga, que naquela época dependía do Concello. Posteriormente trasladouse a Lugo para cursar Maxisterio e continuou a súa formación na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Xeografía e Historia e posteriormente acadou o doutoramento en Xeografía.
A súa tese doutoral estivo centrada na erosión dos solos nos cultivos tradicionais de Galicia, nunha etapa académica na que traballou con Francisco Díaz-Fierros e foi alumno de Augusto Pérez Alberti, dous destacados especialistas no estudo do territorio galego.
TRAXECTORIA E EXPERIENCIAS ARREDOR DO MUNDO
A súa primeira gran experiencia profesional no exterior levouno a Rusia, dentro do programa de Seccións Bilingües, onde impartiu docencia no Instituto Rosalía de Castro, un centro público ruso bilingüe. Foi unha etapa que acabou creando tamén un profundo vínculo persoal co país, xa que a súa filla Sonia naceu en Rusia. Durante aqueles anos Roberto tamén foi colaborador do Instituto Cervantes, lugar onde comezou a especializarse no ensino do español como lingua estranxeira (ELE), ámbito que acabaría converténdose nun dos principais fíos condutores da súa carreira profesional.
A súa estancia en Rusia tivo tamén momentos especialmente complexos. Neste punto contou que, nunha situación de inestabilidade no país, tivo que saír de urxencia de Rusia durante a revolta de Prigozhin.
En relación ao Instituto Rosalía de Castro, comentouse tamén que este centro formativo xa non está no programa de Seccións Bilingües. O contexto actual de guerra e o deterioro das relacións internacionais provocaron a práctica paralización de numerosos intercambios educativos e culturais con Rusia.
Roberto lembrou outras experiencias profesionais máis breves en Andorra e Marrocos, en centros relacionados coa acción educativa española no exterior, e referiuse á actualidade. Neste momento reside nos Emiratos Árabes Unidos e traballa na Dubai International Academy, un centro privado internacional no que exerce como docente dentro do Bacharelato Internacional.
“A conversa permitiu coñecer como é traballar nun sistema educativo e nunha sociedade moi diferentes aos galegos, pero tamén como a aparente normalidade dunha cidade como Dubai pode cambiar rapidamente cando un conflito internacional se achega á vida diaria”, refire o concelleiro Luis Fernández.
SITUACIÓNS COMPLICADAS
Un dos relatos que máis impresionou ao público foi o dos momentos de maior tensión vividos recentemente en Dubai no contexto do conflito en Oriente Próximo. Roberto explicou como el e a súa filla Sonia afrontaron aqueles días desde a súa vivenda no barrio de JVT (Jumeirah Village Triangle). Nos períodos máis complicados podían chegar a recibir entre catro e cinco alertas ao día, e cando se producen estas situacións, as clases pasan a desenvolverse en liña para non perder a actividade educativa.
Un dos relatos que máis impresionou ao público foi o dos momentos de maior tensión vividos recentemente en Dubai no contexto do conflito en Oriente Próximo
Na súa zona non existen refuxios específicos nin dispoñen de aparcadoiros soterrados aos que acudir. Cando soaban as alarmas, Roberto e Sonia buscaban os puntos máis protexidos da propia vivenda: os baños convertíanse no lugar no que refuxiarse e, durante as noites de maior risco, durmían nos corredores, afastados das ventás. Para calquera, esta situación semellaría difícil de xestionar mais como referiu o protagonista “boa parte da vida continúa. Trabállase ás veces cunha sorprendente normalidade”. Esta foi tamén unha das reflexións máis interesantes da conversa: nas guerras actuais, moitos cidadáns dos países afectados poden desenvolver durante boa parte do tempo unha vida aparentemente normal, sen percibir no seu día a día nada especialmente extraordinario. Pero esa normalidade non significa que non exista unha situación real de risco, como lembran de súpeto unha alarma, unha noite afastado das ventás ou a necesidade de buscar o punto máis seguro dunha vivenda.
“a distancia física era enorme, pero as mensaxes permitían sentir moito máis preto a familia, os amigos e os lugares aos que segue vinculado”
Neses momentos difíciles, Roberto destacou especialmente o apoio recibido desde a súa terra: “a distancia física era enorme, pero as mensaxes permitían sentir moito máis preto a familia, os amigos e os lugares aos que segue vinculado”. A través de WhatsApp chegáronlle mensaxes de familiares, amizades e xentes do territorio do Xeoparque, entre elas as dos alcaldes de Quiroga e Ribas de Sil, interesándose pola situación de Roberto e Sonia.
Malia estas experiencias complexas, Roberto compartiu o seu peor momento, unha situación que lle quedou gravada como a de maior temor da súa vida. Foi anos atrás, na fronteira de Irlanda do Norte. Alí, un militar moi novo apuntouno cunha arma de grandes dimensións. Finalmente, o soldado unicamente quería comprobar a súa documentación, pero aqueles segundos, coa arma apuntándoo directamente, quedáronlle gravados na súa memoria para sempre.
CONFLITOS MORAIS NUN AMBIENTE BÉLICO
A experiencia de Roberto serviu tamén para abordar unha cuestión menos visible dos conflitos: os dilemas persoais e morais que aparecen cando a guerra entra nas relacións cotiás.
Vivir en sociedades afectadas por conflitos nos que as identidades nacionais, as diferenzas políticas e os sentimentos colectivos exprésanse dunha maneira especialmente intensa, significa convivir tamén con opinións que poden resultar difíciles de aceptar. Amigos, compañeiros de traballo ou veciños poden manifestarse abertamente a favor de actuacións que un mesmo rexeita por razóns éticas ou por consideralas contrarias ao dereito internacional.
A guerra deixa así de ser unicamente aquilo que sucede nas frontes ou aparece nas noticias: entra nas conversas, nas amizades, no traballo e nas decisións morais de cada persoa.
Nese contexto hai que continuar compartindo espazos, traballando e mantendo relacións persoais. A guerra deixa así de ser unicamente aquilo que sucede nas frontes ou aparece nas noticias: entra nas conversas, nas amizades, no traballo e nas decisións morais de cada persoa.

EXCEPCIONAL ACOLLIDA DO PÚBLICO E AGRADECEMENTOS
A sesión rematou cun forte aplauso do público a Roberto Vila agradecendo deste xeito o seu tempo, a proximidade e a sinceridade coa que compartiu experiencias persoais e profesionais, algunhas delas vividas en circunstancias especialmente complexas.
As persoas asistentes trasladaron tamén o seu agradecemento ao Concello de Ribas de Sil por organizar este tipo de encontros –nos que unha conversa próxima permite coñecer vidas, experiencias e realidades que doutro xeito quedarían afastadas– ao tempo que expresaron o desexo de que as Conversas de Verán continúen en próximas edicións e mesmo poidan estenderse a outros puntos do municipio, máis alá de San Clodio.

