A institución provincial publicou este luns a documentación relativa ao inmoble, a acta da visita técnica realizada ás instalacións e o documento que recolle as respostas ás cuestións formuladas durante o proceso. Toda a información facilitada queda á disposición dos potenciais participantes, “garantindo igualdade de condicións e información”.
A publicación desta documentación culmina a fase de aclaracións iniciada coa visita técnica ás instalacións, unha medida adoptada pola institución provincial para facilitar que as persoas interesadas puidesen coñecer directamente o estado do equipamento e resolver as dúbidas que considerasen necesarias antes de concorrer ao procedemento. A Deputación dá por resoltas así as cuestións formuladas e continúa coa tramitación do expediente.
Este martes, 25 de agosto, ábrese o prazo de presentación de ofertas, que permanecerá aberto durante 10 días hábiles. A Deputación subliña que no momento en que se acordou a suspensión do anterior proceso, non se presentara ningunha oferta, “A suspensión, polo tanto, non supuxo a anulación do procedemento, senón unha medida administrativa destinada á resolución das dúbidas formuladas.” Unha vez completada esta fase de aclaracións, o procedemento continúa coa apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
O procedemento en marcha ten como finalidade poñer novamente en funcionamento o Náutico de Augas Mestas e recuperar para a actividade un equipamento de titularidade provincial, contribuíndo á posta en valor deste espazo e do seu potencial turístico e económico.

