A CIG–Unión Local de Monforte denuncia a situación que se está a producir na Residencia de Maiores DomusVi Monforte, onde, segundo a información da que dispón a organización sindical, non se estaría cumprindo o ratio de persoal necesario para garantir unha atención digna, segura e de calidade ás persoas residentes. “A falta de persoal está a provocar unha importante sobrecarga de traballo para a plantilla, con consecuencias tanto sobre as condicións laborais como sobre a calidade e seguridade da atención ás persoas usuarias”, asegura.
A organización sindical reclama á dirección de DomusVi que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para garantir unha dotación suficiente de persoal e o cumprimento dos ratios correspondentes, evitando que a falta de efectivos se traduza nunha sobrecarga permanente para as traballadoras e traballadores.
O sindicato alerta tamén de que hai máis de dous meses se produciu un brote de sarna no centro que afectou, segundo a información da que dispón a organización sindical, polo menos a cinco traballadoras. A organización sindical manifesta a súa preocupación polo feito de que se descoñece se existen persoas usuarias da residencia que puideron estar afectadas ou expostas ao contaxio e cal é a situación actual respecto delas.
Esixe que se informe sobre a situación actual do brote, as medidas adoptadas desde a súa detección e as indicacións recibidas das autoridades sanitarias, así como que se proceda á activación e aplicación efectiva do “Protocolo de actuación ante a sarna humana en institucións con coidadores”, se non se fixo xa.
A CIG considera que a saúde e a seguridade das persoas residentes e do persoal non poden quedar en segundo plano e reclama á empresa unha actuación inmediata para garantir a protección das persoas usuarias e das traballadoras e traballadores do centro.

