Homesociedade“Devagar pola Ribeira Sacra”: a memoria dunha terra que merece ser coñecida...

“Devagar pola Ribeira Sacra”: a memoria dunha terra que merece ser coñecida e coidada

A obra da escritora Gloria Guerrero García preséntase este venres 28 de agosto na Carpa de Actividades da Feira do Libro de Monforte ás 12:00 h. A autora estará acompañada da editora, Rocío Rodríguez, de Peruchela Edicións.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Gloria Guerrero García é unha muller polifacética que comezou a súa andaina literaria o ano 2025 coa publicación do poemario “Verbas do Corazón, camiños de tinta e terra”, unha obra que percorre emocionalmente a Ribeira Sacra. Despois desta publicación participou en dous libros colectivos de relatos manuscritos e este 2026 presentará na Feira do Libro de Monforte o seu libro “Devagar pola Ribeira Sacra”. Todo o anterior saíu ao mercado da man de Peruchela Edicións, un selo editorial de Monforte de Lemos.

Naceu en Monforte mais criouse en Ferreira de Pantón e cóntanos que a súa vida, agás 8 anos nos que estivo emigrada en Suíza, está ligada á Ribeira Sacra. Na súa traxectoria profesional destaca o seu paso pola hostalería, tendo traballado con diferentes negocios nos concellos de Sober, Ferreira, O Saviñao e Monforte de Lemos. Neste último, pechou o seu percorrido hostaleiro no Bar Central alá polo ano 2008. E tamén traballou no ramo da enfermería na Clínica Matías e no propio Concello de Monforte, onde rematou a súa carreira laboral no 2011. Fóra do laboral, e como mostra da súa inquedanza vital, lémbranos que fai teatro no Grupo Teatreiras de Monforte e que tamén canta e fai pandeireta na agrupación monfortina Xograres de Lemos.

a súa vida, agás 8 anos nos que estivo emigrada en Suíza, está ligada á Ribeira Sacra

Cando lle preguntamos de onde lle vén a paixón por escribir dinos que “sempre me gustou a historia, e de feito teño un fillo licenciado en historia e arqueoloxía”. E o feito de escribir é importante para ela porque “gústame deixar recordo das miñas vivencias á miña familia e de pequena escribía cousas para min, discurría poesías…”.

DEVAGAR POLA RIBEIRA SACRA

Este é o título da nova obra de Gloria Guerrero que será presentada este venres 28 de agosto ás 12:00 h na carpa de actividades da Feira do Libro de Monforte na compañía da editora, Rocío Rodríguez.

Un dos propósitos de ‘Devagar pola Ribeira Sacra’ é achegarlles ás novas xeracións a natureza, a historia, os costumes, os xogos tradicionais e a memoria dunha terra que merece ser coñecida e coidada. Neste percorrido emocional preséntase esta memoria como ponte entre xeracións. “Aquilo que para os maiores forma parte dos recordos da infancia pode resultar completamente descoñecido para os máis pequenos. Contalo, nomealo e compartilo é tamén unha maneira de evitar que desapareza”, comentan dende a editorial.

achegarlles ás novas xeracións a natureza, a historia, os costumes, os xogos tradicionais e a memoria dunha terra que merece ser coñecida e coidada

“Pantón, Sober, O Saviñao, Monforte, A Pobra do Brollón, Chantada, as Terras de Lemos, o Miño ou o Courel van aparecendo ao longo das páxinas como partes dun mesmo territorio vivo. Ríos, fervenzas, montañas, viñedos, animais e plantas conviven con conventos, miradoiros, adegas, cruceiros, feiras e lugares ligados á memoria das persoas que habitaron estas terra”, afirman tamén dende Peruchela Edicións.

Rocío Rodríguez e Gloria Guerrero / XdL

En palabras da autora, “con este libro quero facerlle ver aos meus netos as vivencias que tiven na Ribeira Sacra”. Unhas vivencias recollidas do contacto con pais e avós e as propias tras o seu paso por diferentes concellos da contorna. “No libro quero reflexar a maneira de vivir de cada aldea e que cada concello é diferente”, dinos Gloria.

“con este libro quero facerlle ver aos meus netos as vivencias que tiven na Ribeira Sacra”

No que respecta á narrativa, a autora dinos con humildade que “fago un uso do galego convencional para que todo o mundo o entenda, que sexa comprensible para todas as idades”. Trátase, pois, dunha narración accesible para a xente cativa e para os maiores. Emprega, ademais, algún léxico que foi recollendo do uso familiar e dá conta desas verbas nun pequeno vocabulario para coñecer o significado das mesmas.

O libro incorpora ilustracións que son obra de Mirka_mandarina, Breixo Fernández Méndez e Marco e Martín, estes dos últimos netos dela. Deste xeito, preséntase como unha obra “tecida a moitas mans. Froito da colaboración de persoas que comparten a súa creatividade e o seu talento”.

Gloria Guerrero afirma tamén, a poucas horas da presentación, que está algo nerviosa e que as súas expectativas respecto do libro son “que o acollan con moito agarimo a miña familia e tamén o público en xeral”.

ÚLTIMAS

A ‘Romaría da Ermida’ xa é Ben de Interese Cultural

A nova de declarar Ben de Interese Cutural á 'Romaría da Ermida' chega no...

Queres participar nunha curta que se rodará do 22 ao 27 de setembro en Rosende?

La Plantación. Encuentros y Conocimiento organiza do 20 ao 29 de setembro un obradoiro...

A CIG Saúde reclama a apertura inmediata da Planta de Medicina Interna no Hospital de Monforte

A CIG Saúde asegura que a suspensión dos quirófanos débese á falta de cama...

​O monfortino Lucas Pavón Sanmartín, subcampión de España de pesca

O Club Pesca Río Cabe vén de colleitar un gran éxito nacional e reafirma...