O proxecto da nova Ponte de Ferro do Malecón conta xa cos permisos necesarios de Patrimonio da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que permite iniciar a súa tramitación administrativa. A actuación nace do concurso de ideas convocado polo Concello no ano 2020 que buscaba recupera a imaxe da antiga Ponte de Ferro que existiu na zona da actual Ponte Nova da avenida de Galicia e que desapareceu nos anos 50. “, explica o rexedor.
O proxecto foi deseñado sen apoios no río Cabe, co obxectivo de respectar tanto o curso fluvial como o espazo natural do Malecón. Contará con dous carrís de circulación de 3,5 metros cada un e dúas beirarrúas de 2,5 metros de ancho, para unha plataforma total de 12 metros de ancho.
O alcalde salientou que as obras non afectarán á zona verde nin ás árbores de ribeira existentes, “polo que se manterán as condicións actuais de sombra e os espazos de descanso para a cidadanía. A actuación afectará unicamente a un chopo e a unha rama dun plátaneiro”. Reivindicou que o proxecto permitirá tamén “desmontar todos os bulos e mentiras que se difundiron sobre a actuación como coa fonte do Parque dos Condes. Eu asegúrolles que a Ponte do Malecón vai quedar igual de ben e bonita que a Fonte, converténdose nunha infraestrutura moi importante para as comunicacións da cidade de Monforte”.
“unha ponte moderna, adaptada ás necesidades actuais, pero inspirada na historia da nosa cidade”
José Tomé destaca que a actuación conta con “financiación asegurada” mediante un convenio coa Deputación de Lugo, sen necesidade de que o Concello solicite ningún crédito. O orzamento previsto para a licitación ascende a 5.126.356,71 euros, aportados do seguinte xeito:
- Concello de Monforte: 2.839.299,71 euros (55 %).
- Deputación de Lugo: 2.287.057 euros (45 %).
O alcalde indicou tamén que a baixa que poida producirse durante o proceso de licitación permitirá reducir a achega municipal, estimando que esta redución podería situarse entre o 10% e o 15 %, en función das ofertas presentadas polas empresas.
O acordo de aprobación inicial do proxecto foi publicado este 1 de setembro, no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web municipal, polo que se abre o período de exposición pública. O proxecto poderá ser consultado durante un mes, ata o día 1 de outubro, tanto na Secretaría do Concello como na Sede Electrónica e na páxina web municipal.
As persoas interesadas en consultar presencialmente a documentación deberán solicitar cita para que a funcionaria responsable poida facilitar a consulta de maneira ordenada. Unha vez rematado o período de exposición pública, o procedemento continuará coa resolución das posibles alegacións e coa aprobación definitiva do proxecto. A previsión municipal é que a licitación poida facerse no presente ano e que se poidan adxudicar as obras na primavera do 2027.
O Alcalde avanzou que a previsión municipal é que “a licitación das obras poida producirse antes de que remate o ano 2026 e que, unha vez completado o procedemento de contratación, se poida avanzar cara á adxudicación das obras aproximadamente no mes de abril de 2027”.

Conservar a Ponte Medieval
“A Ponte Vella é un dos monumentos máis importantes de Monforte, está catalogada como BIC e como tal temos que protexela e conservala como se merece. Nós ímolo facer, outros falaban pero non o fixeron”, afirmou José Tomé.
O alcade asegura que a nova ponte permitirá liberar á Ponte Medieval do tráfico rodado e convertela nun espazo peonil para a cidadanía e para as persoas visitantes, garantindo así a súa conservación e poñendo en valor un dos elementos patrimoniais máis importantes da cidade.
“Como Alcalde comprometinme a facelo e vou cumprir ese compromiso, porque eu sempre cumpro coa palabra dada. Non puidemos licitala antes porque non tiñamos os permisos, pero agora si que imos cumprir co noso programa electoral, un programa que votaron o 55 % dos monfortinos e monfortinas”, concluíu o alcalde.


