O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, fixo balance da situación da rede provincial e asegurou que a provincia necesitaba –e necesita– residencias públicas e que “a Deputación decidiu asumir ese esforzo porque había unha necesidade real no territorio e as persoas maiores de Lugo non podían quedar sen unha alternativa pública de proximidade”.
“Nós non miramos para outro lado”, sinalou Rivera Capón, quen defendeu que unha persoa maior “debe poder recibir coidados públicos preto da súa casa, da súa familia e do seu concello”. A institución provincial conta actualmente con 9 residencias públicas en funcionamento e preto de 400 persoas usuarias, mentres traballa noutros 9 proxectos. Engadiu que desde 2019 ata 2026, a Deputación ten mobilizados 47 millóns de euros vinculados á rede residencial.
Sobre a residencia de Folgoso do Courel, explicou que se produce un peche dun expediente administrativo porque rematou o prazo da cesión da parcela á Deputación, “Que se peche ese expediente non significa que desapareza a necesidade dunha residencia para Folgoso. Significa que a Deputación cumpre coa vontade expresada polo propio municipio, nun contexto no que existe ademais un compromiso da Xunta de Galicia para construír ese centro”. Rivera Capón celebrou que a Xunta asuma as súas responsabilidades nese caso: “A Deputación leva anos facendo un esforzo extraordinario para manter e ampliar unha rede pública de residencias, mesmo nun ámbito no que as competencias corresponden á Xunta. Agora tamén lle corresponde á Xunta cumprir os compromisos que adquiriu”.
O responsable provincial destacou o esforzo económico que supón manter unha rede deste tipo para unha administración como a Deputación, “Estamos levando ao límite a nosa capacidade para manter e ampliar unha rede que consideramos esencial para a provincia”, e reclamou unha maior implicación da Xunta.
Prezos públicos e prezos de referencia, “unha confusión intencionada”
Na segunda parte da comparecencia, o Deputado abordou a actualización dos prezos públicos dos centros provinciais e criticou a “confusión interesada” que, ao seu xuízo, está trasladando o PP. “Os 2.200 euros non son o que paga todo o mundo. Son un prezo de referencia”, aclarou. A nova ordenanza aprobada pola Deputación actualiza uns prezos de referencia que permanecían sen revisar desde 2018 e establece que a participación das persoas usuarias se determine atendendo á súa capacidade económica e patrimonial. “Quen menos ten, menos paga; quen máis ten, máis contribúe”, resumiu Rivera Capón.
Lembrou que para calcular a capacidade económica non se ten en conta unicamente a pensión, senón tamén os ingresos e o patrimonio, con mecanismos de protección para as persoas con menor capacidade económica. Entre eles, os primeiros 10.000 euros en depósitos bancarios non computan no cálculo establecido pola ordenanza.
A xefa do Servizo de Benestar Social e Igualdade, que acompañou ao deputado na comparecencia, explicou os aspectos técnicos do novo sistema e destacou que ningunha persoa usuaria paga o 100% do custo efectivo da praza. Precisou que o prezo de referencia e o prezo público que finalmente paga cada persoa son conceptos diferentes: o primeiro serve como referencia para determinar o custo e a participación no servizo, mentres que a achega concreta de cada usuario se calcula en función da súa situación económica.
Neste sentido, detallou que ao 25% das persoas usuarias a actualización lles supuxo un incremento inferior a 60 euros mensuais e o 50% por menos de 200 euros, “Unha persoa non ten que recorrer á súa familia nin pedir a terceiros os cartos necesarios para pagar a súa praza: o sistema calcula a súa participación a partir da súa propia capacidade económica e patrimonial líquida”, explica.
Rivera Capón defendeu que detrás da discusión sobre os prezos existe un debate político de fondo: que modelo de residencias públicas quere a provincia de Lugo. “Nós temos nove residencias de xestión directa, pensadas especialmente para o rural, para garantir equilibrio territorial, servizos de proximidade e permanencia das persoas no seu contorno familiar e social. Un modelo que é referencia a nivel nacional e europeo”.
.

