HomesociedadeA asociación Xuntas polo territorio alerta da saturación enerxética en Chantada co...

A asociación Xuntas polo territorio alerta da saturación enerxética en Chantada co parque eólico Monte Cabeza

A entidade alerta de que o proxecto sumaría seis novos aeroxeradores a unha contorna que xa conta con máis de 120 e denuncia o risco que supón a súa hibridación co macrocomplexo de baterías e subestacións Soilán II.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A asociación Xuntas pola Defensa do Territorio formalizou no rexistro público as súas alegacións ao proxecto de Parque Industrial Eólico Monte Cabeza II (Expediente IN408A 2024/025), promovido pola empresa Galicia Vento S.L. reclamando a suspensión das autorizacións administrativas “pola grave saturación enerxética que padece a zona e polo impacto acumulado na poboación, no medio ambiente e na economía local”.

A entidade veciñal denuncia que o territorio non ten capacidade para asumir máis infraestruturas enerxéticas e solicita que non se outorgue ningunha autorización ata que se leve a cabo unha avaliación ambiental rigorosa dos impactos acumulados e sinérxicos.

Principais eixos da oposición veciñal:

– Efectos acumulativos e capacidade de carga: A asociación sostén que a Lei 21/2013 obriga a avaliar a suma total de impactos e non os seis muíños de xeito illado. A área xa atura unha densidade extraordinaria de liñas de alta tensión, subestacións e parques en tramitación como Agratina e Agromaces.

– Complexo funcional e “Hub” enerxético: Monte Cabeza II conéctase directamente coa Subestación SET Soilán II e proxectos de almacenamento (GRX Belesar I, II e BESS Belesar). Trátase dun macrocomplexo conxunto que, sumado aos parques do corredor lucense, pode alcanzar entre 1.000 e 1.300 MW de potencia agregada no denominado Hub de Pesqueiras e San Fiz.

– Impacto na poboación e actividade agraria: Reclámase comprobar a distancia real das instalacións a vivendas e explotacións gandeiras, avaliando o ruído, o tránsito de maquinaria e a depreciación do solo rural.

– Riscos de incendio e seguridade: Exíxese avaliar a seguridade dunha contorna onde se pretenden situar 144 colectores de baterías de litio a escasos 150 metros de vivendas (en parroquias como San Fiz, Pesqueiras ou Merlán de Sabadelle), co conseguinte risco de thermal runaway e emisión de gases tóxicos.

– Afección ao patrimonio e á auga: Alértase dos danos a acuíferos, traídas de auga veciñais e ao valor paisaxístico e cultural da Ribeira Sacra, ademais do risco de colisión para a fauna protexida.

Xuntas polo territorio demanda que se aplique de xeito efectivo a “alternativa cero” (non execución do proxecto), ao entender que é a única opción racional ante a saturación e sobrecarga que padece o municipio de Chantada e a súa contorna. De modo similar pronunciábanse esta semana desde Por Chantada.

ÚLTIMAS

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón engadirá este ano á súa programación de Nadal un novo...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese co sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, realizou unha visita á Ribeira Sacra co obxectivo...

O Círculo do Saviñao comeza o seu Ciclo de Teatro de Outono

Este sábado, 7 de novembro, sube o telón en Escairón o Ciclo de Teatro...

Este sábado, 7 de novembro, ás 12.00h abre a cafetería do complexo deportivo da Pinguela

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela abrirá as súas portas este sábado, 7...