HomesociedadeO bispo de Lugo e o alcalde de Monforte inauguran a reforma...

O bispo de Lugo e o alcalde de Monforte inauguran a reforma da igrexa de Santa María de Baamorto

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e o Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, inauguraron este domingo a reforma da igrexa de Santa María de Baamorto na que se executaron obras de restauración nas cubertas do adro. Así mesmo, o prelado lucense oficiou a misa das 13.00 horas nunha celebración que permitiu á veciñanza coñecer de primeira man o resultado dos traballos realizados no templo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta actuación forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación Provincial de Lugo e a Diocese de Lugo o pasado 9 de outubro de 2025, durante a etapa de José Tomé como Presidente da institución provincial. O acordo contempla obras de mellora en nove templos da provincia, tres deles no Concello de Monforte Baamorto, Rozavales e A Penela. O investimento no conxunto dos tres templos monfortinos ascende a 112.700 euros, unha partida cofinanciada pola Deputación e pola Diocese de Lugo.

Durante o acto na igrexa de Santa María de Baamorto, o alcalde destacou a satisfacción por comprobar o resultado dunha actuación que, segundo explicou, “é unha proba do meu compromiso e do meu Equipo de Goberno co patrimonio e coas parroquias rurais, porque conservar as igrexas é tamén conservar a historia, a arquitectura e a vida social do noso territorio”. As igrexas, apuntou, “non son só espazos de culto, senón lugares de encontro e convivencia veciñal que manteñen tamén a cultura e as tradicións”.

Así mesmo, agradeceu a colaboración da Diocese de Lugo e salientou a importancia de que “as administracións sexamos capaces de sumar esforzos para conservar o patrimonio que temos e garantir que poida seguir formando parte da vida das nosas parroquias durante moitos anos”. Pola súa banda, o bispo de Lugo expresou tamén o agradecemento por esta colaboración que permite conservar vivo o patrimonio relixioso no entorno rural e que poida pasar de xeración en xeración.

Igrexa de Santa María de Baamorto

Situada no núcleo das Devesas fronte á Casa Priorado, esta igrexa foi reformada nos séculos  XVII e  XVIII e conserva algúns restos románicos. A porta principal situada ao oeste é de medio punto con moldura barroca. Na fachada principal presenta tamén un reloxo e campanario de dous vans. A nave rectangular está cuberta a dúas augas de madeira rematada en tella.

Destaca o soportal que rodea a igrexa nas fachadas oeste e sur. Na fachada sur tamén se atopan interesantes pinturas murais que a cobren en toda a súa extensión. O retablo maior é  neoclásico e conta con esculturas da Asunción e dous anxos. Os outros dous retablos situados na capela maior son tamén  neoclásicos.

A recente intervención centrouse sobre todo no adro do templo, coa retirada da cobertura existente de tella cerámica curva e a colocación dun novo sistema formado por panel de fibrocemento libre de amianto e enrastrelado simple, sobre o que se instalou novamente a cobertura de tellas cerámicas curvas. O investimento destinado a esta actuación ascendeu a 29.400 euros.

Na igrexa de Santa María de Rozavales, a intervención, actualmente en marcha, consiste na renovación da cuberta, abarcando a substitución completa da lousa e das táboas, así como doutros elementos de madeira que se atopen en mal estado. As melloras previstas contemplan tamén a colocación de canalóns semicirculares e baixantes circulares de zinc en todo o seu perímetro, ademais de traballo de repaso dos encontros do campanario sobre a fachada principal. Esta actuación ten un orzamento de 39.300€.

Na igrexa de Santa María da Penela xa se executaron as melloras cun importe de 44.000€ para a renovación das tellas de toda a cuberta da igrexa, empregando novas pezas curvas tradicionais en lugar das mixtas actuais, colocadas sobre placas onduladas libres de amianto. Colocáronse canalóns e baixantes de zinc.

Inauguración reforma igrexa Baamorto / Concello de Monforte

ÚLTIMAS

Respira, II Xornadas de Benestar do 8 ao 10 de outubro no Ateneo Casino de Monforte

O Ateneo Casino acollerá do 8 ao 10 de outubro un encontro que convida...

6 compañías do sur da provincia no Circuíto de Teatro Afeccionado que ten en marcha a Vicepresidencia da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación ten en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro...

Cortes de tráfico este 6 de outubro na Avda de Galicia de Monforte por obras de asfaltado

Esta actuación forma parte da mellora da Avenida de Galicia e a rúa Chantada...

Pantón comeza este 6 de outubro unha nova tempada de “Por que nos xuntamos os homes?”

En novembro do pasado ano o Concello de Pantón desde o departamento de Servizos...