Co obxectivo de seguir mellorando a calidade dos seus programas e servizos, a Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos está executando diversas actuacións de mellora nas instalacións do seu centro de atención diúrna e das vivendas tuteladas, co propósito de optimizar os espazos e incrementar a súa funcionalidade, adaptándoos ás necesidades das persoas participantes e dos profesionais.
“Nas vivendas tuteladas reorganizáronse e optimizáronse os espazos destinados á lavandería e á despensa, favorecendo un funcionamento máis eficiente e unha mellor utilización das instalacións. En canto ao centro de atención diúrna, as obras realizaranse na zona de almacén, para mellorar a súa organización e capacidade de almacenaxe, e tamén se habilitará un vestiario para persoal”, comentan dende a entidade asistencial.
Para a execución destas melloras, a Asociación AGORA conta co financiamento procedente do 0,7 % do IRPF, a través das achegas realizadas polas persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecida como X Solidaria, uns fondos xestionados pola Xunta de Galicia que permiten impulsar proxectos de mellora nas entidades que, como no caso de AGORA, forman parte do Terceiro Sector.
Estas obras de mellora son unha aposta da asociación AGORA pola modernización e adaptación das súas instalacións, promovendo espazos máis accesibles, funcionais e sostibles que repercutan directamente na calidade de vida das persoas e nas condicións de traballo dos profesionais.

