Durante toda a mañá, representantes e colaboradores da AECC ofreceron información sobre a actividade da Asociación e animaron á cidadanía a adquirir unha planta para colaborar coa AECC na loita contra esta enfermidade.
O Día Mundial contra o Cancro de Mama conmemórase todos os anos o 19 de outubro, co obxectivo de sensibilizar, concienciar, coñecer e darlle visibilidade a esta enfermidade. A través do manifesto, a Asociación incide na necesidade de “tomarse a peito” unha patoloxía que cambia a vida e marca un punto e aparte nas mulleres que reciben este diagnóstico.
Entre as actividades deste luns celebrouse un acto floral e lectura de manifesto aos que se sumaron o alcalde de Monforte, José Tomé, a tenente de alcalde, Gloria Prada e os concelleiros de Obras, Medio Rural, e Servizos, José Luis Losada; Deportes, José Manuel Mougán; Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, e Medio Ambiente, Miguel Tomé.
Como sinal de apoio a todas as persoas afectadas, a xornada completouse coa ilumincación de cor rosa na Torre da Homenaxe. O Concello colabora estreitamente coa Asociación Española contra o Cancro en Monforte, coa cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a pacientes e familiares relacionados con esta enfermidade. Tamén participa na organización da Carreira contra o Cancro, que se celebra en setembro.

Día Mundial contra o cancro de mama 2026 / Concello de Monforte

