O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de presentar unha moción para reclamar medidas na seguranza viaria das estradas que atravesan o termo municipal. A iniciativa identifica varios puntos especialmente perigosos e denuncia o déficit de mantemento acumulado durante anos nas vías de titularidade das diferentes administracións.
Na CG-2.1, entre a rotonda e a saída de Mundín, advírtese do deterioro dos valados de protección fronte á entrada de animais salvaxes, así como dos problemas ocasionados pola vexetación e pola caída de pólas e árbores. Na LU-533, entre a ponte do Miño e o cruce de Ponte Meixide, tamén se sinala a presenza de árbores nas marxes e o risco que poden supor para a circulación.
Na curva dos Cipreses, na intersección da LU-533 coa antiga LU-617, piden que se avalíe o risco da incorporación dos vehículos procedentes da antiga estrada á LU-533 en dirección a Chantada, nun tramo limitado a 80 km/h e con curvas que reducen a visibilidade.
A moción reclama unha intervención no cruce do Seixo, entre a LU-P-1807 e a LU-P-1805, pola escasa visibilidade para os vehículos que acceden desde esta última vía. A corporación municipal xa aprobara por unanimidade (outubro 2024), a iniciativa de Por Chantada de soliciatar á Deputación a ampliación desta curva no Sangoñedo.
Máis alá destes puntos concretos, a iniciativa propón revisar o estado das barreiras metálicas de seguridade, reparar ou substituír as que estean deterioradas e comprobar a súa adecuación ás recomendacións e normativa vixentes. Tamén reclama un programa de limpeza, mantemento e acondicionamento das gabias, tanto nas estradas provinciais e autonómicas como nas municipais.
A reparación das fochancas é outro dos eixes da moción. Solicita ao Goberno do Estado a reparación integral do firme da N-540 ao seu paso por Chantada, ao considerar insuficientes os traballos realizados nos últimos meses, e reclama tamén que o Concello e a Deputación actúen nas estradas da súa titularidade que presentan deficiencias.
A formación cuestiona, ademais, o emprego de pedrullo para tapar fochancas, como aconteceu recentemente na LU-P-1807. Considera que este tipo de parcheos teñen unha durabilidade moi limitada e poden incrementar a inseguranza viaria, especialmente en estradas con curvas e pendentes polas que circulan vehículos pesados, como camións do leite, da madeira ou carros mesturadores. Por iso, solicita retirar o material que aínda permanece na vía e que a Deputación deixe de empregar este sistema nas estradas provinciais do municipio.
A moción formula quince acordos para que cada administración actúe dentro das súas competencias: a Axencia Galega de Infraestruturas, os servizos provinciais da Xunta, a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e o Concello, «A veciñanza non pode quedar atrapada nunha disputa sobre de quen é cada estrada. O Concello debe exercer tamén un papel activo, reclamando ás administracións titulares as actuacións necesarias e atendendo as deficiencias das vías municipais», defende Xavier Viana.

