Poden participar todos os locais de hostalería da provincia de Lugo interesados que estean inscritos no Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT), enchendo o formulario que atoparán nas oficinas da APEHL.
A iniciativa ten como obxectivo poñer en valor calidade da gastronomía lucense a través da degustación de produtos acreditados cos selos de Indicación Xeográfica Protexida, de Denominación de Orixe, e de Raza Autóctona con selo de calidade que teñan representación na provincia.
O propósito destas xornadas é que sexan unha cita anual para dinamizar o sector servizos e desestacionalizar o consumo dos produtos coa fin de darlles continuidade fóra das épocas de produción. As Exaltacións Gastronómicas comezarán o vindeiro 19 de abril e cada unha terá unha duración de 10 días, comezando en venres e estendéndose ata o último domingo de cada mes. A derradeira xornada do 2019 será en novembro.
Os locais de hostalería inscritos deberán participar en todas as xornadas de Exaltación, incluindo nas súas cartas, pratos que conteñan os alimentos seleccionados en cada mes. As exaltacións estarán acompañadas de viño da D.O. Ribeira Sacra, Galletas Daveiga, pan da provincia de Lugo (AFAPAN) e Augardentes E Licores Tradicionais De Galicia:
- Do 19 ao 28 de abril: Exaltación da faba de Lourenzá, da pescada do pincho de Burela e do queixo Arzúa-Ulloa.
- Do 17 ao 26 de maio: exaltación da carne de tenreira galega suprema raza rubia galega, dos grelos de galicia e do queixo do Cebreiro.
- Do 21 ao 30 de xuño: exaltación da pescada do pincho de Burela, do cordeiro de raza ovella galega e das castañas de Galicia.
- Do 19 ao 28 de xullo: Exaltación do bonito de Burela, do lacón galego e dos pementos de Mougán.
- Do 16 ao 25 de agosto: Exaltación do bonito de Burela, das castañas de Galicia e dos pementos de Mougán.
- Do 20 ao 29 de setembro: Exaltación da carne de porco celta, dos grelos de Galicia, das patacas de Galicia e do mel de Galicia.
- Do 18 ao 29 de outubro: Exaltación das fabas de Lourenzá, da carne de tenreira galega, do queixo San Simón da Costa e da mel de Galicia.
- Do 15 ao 24 de novembro: Exaltación dos produtos da raza de Mos (incluíndo os ovos), dos grelos de Galicia, da pataca de Galicia e do queixo de tetilla.