O acendido oficial será na antesala da ponte festiva da Constitución, o venres 4 de decembro, ás 18.30 horas. O lugar escollido para pulsar o interruptor que iluminará o Nadal monfortino é a céntrica rúa Cardeal, xunto á figura da árbore, elemento central desta ornamentación festiva. A inversión no alumeado ornamental das festas ascende este ano a 57.000€.
O dispositivo componse de 1,2 millóns de puntos de luz LED e incorpora varias novidades. Entre elas, a instalación dunha coroa real luminosa no centro da Praza de España, ou a decoración especial no Parque dos Condes, “onde brillará unha figura luminosa en forma de casa, pola que se poderá cruzar para entrar no espazo da nova fonte, un punto de encontro como a casa de todos, e desfrutar dos seus chorros con iluminación propia”, explica o alcalde.
Na rúa Cardeal, a tradicional estrutura cónica que representa a árbore de Nadal supera os 20 metros incluíndo a estrela que coroa a figura. Na zona peonil da rúa Cardeal substitúense este ano os habituais arcos luminosos por lámpadas colgantes con estrelas.
O alumeado estará acendido todos os días en horario de 18.30 a 02.00 horas, e apagarase o domingo, 10 de xaneiro. Este dispositivo estará acompañado polo funcionamento das fontes no mesmo horario que as luces.
O dispositivo suma 265 arcos repartidos por 67 rúas da cidade e outros 7 coa mensaxe ‘Bo Nadal’ colocados nas entradas á cidade. Mantense a que foi unha das principais novidades dos últimos anos, que é a iluminación especial da Torre da Homenaxe. Tamén estarán adornadas a Casa do Concello, as árbores da Praza de España e do Campo de San Antonio, a Praza dos Chaos, Praza da Estación e Praza de Abastos e, como non, o cedro da Compañía, coa súa estrela de Nadal.
José Tomé espera que esta decoración contribúa a dinamizar a actividade económica local, “O noso desexo é que este amplo dispositivo de Nadal sirva para animar aos monfortinos e monfortinas e ás persoas que nos visitan a desfrutar da cidade e facer as súas compras de Nadal no comercio local. Queremos animar e alegrar a vida dos nosos veciños e veciñas nunha época tan sinalada”.

