‘Encargo exprés’ a unha empresa de Quiroga para a visita do Rei a Galicia

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria contactou co artesán quirogués Pablo Rodríguez, de Artesanía Armaior, para pedirlle unha artesiña de madeira coa finalidade de presentarlle produtos da nosa terra á S.M. o Rei Felipe VI.

Pablo Rodríguez facendo unha demostración. Foto: Armaior

O pasado 15 de marzo, un día normal de traballo para Pablo no seu obradoiro da Toca, en Quiroga, contactaban da AGACAL -Axencia Galega da Calidade Alimentaria- para pedirlle unha peza de madeira moi particular. Querían unha artesa pequena de madeira para presentar queixos e igual outros produtos típicos de Galicia na visita que fará o Rei a Galicia o mércores 20 de marzo.

O motivo da visita da S.M. a terras galegas enmárcase no acto central do “Día Internacional dos Bosques 2019” que impulsa ‘Juntos por los Bosques’, colectivo que agrupa a máis de 30 entidades representativas do sector forestal, en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia. A xornada terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, e incluirá varias ponencias e actividades.

Pois ben, volvendo ao encargo, Pablo nun primeiro momento tras ver por whatsapp o tipo de artesa que lle pedían dixo que nese momento non tiña nada polo estilo e colgou o teléfono. Minutos despois, tras poñer a funcionar as neuronas e sacar esa capacidade de improvisación típica dos artistas, chamou á persoa que lle fixera o encargo, concretamente a Xefa do Departamento de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Artesiña encargada a piques de ser rematada para enviar a Santiago. Foto: Armaior

Nesta segunda conversación díxolle que non se preocupara que antes do mércores tiña a artesiña en Santiago. E así foi, púxose mans á obra e o sábado 16 xa a tiña rematada. O luns xa ía camiño de Compostela acompañada ademais dunha meleira e dunhas táboas en madeira de oliveira para presentar queixos.

A finalidade da artesa e dos utensilios que complementan o envío á Xunta servirán para unha presentación enxebre de alimentos da nosa terra, queixos pero quizais tamén mel e outros produtos, e que luzan ben aos ollos do Rei Felipe VI.

A empresa Armaior, especializada na elaboración de útiles de cociña en madeira de oliveira, demostrou a súa eficiencia e, quen sabe, ao mellor consegue ‘colocar’ na Casa Real algunha das súas pequenas obras de arte…

Pablo Rodríguez, de Artesanía Armaior nunha feira. Foto: Carlos Rueda

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here