Quiroga, un municipio seguro e sen apenas delincuencia

Esta foi unha das conclusións que se fixo pública onte despois da visita da subdelegada do Goberno para participar na Xunta Local de Seguridade de Quiroga. Aproveitando a visita, Isabel Rodríguez achegouse ao municipio veciño de Ribas de Sil.

Xunta Local de Seguridade de Quiroga. Foto: Delegación do Goberno en Galicia

A visita de Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno, tivo como finalidade estudar os operativos de seguridade para dous importantes eventos que se celebrarán no concello nas vindeiras semanas, a Feira do Viño e a Mostra do Aceite.

A xuntanza, celebrada na Casa do Concello, contou coa participación da propia Isabel Rodríguez, do alcalde e de responsables da Garda Civil, o subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local. Na mesma, quedaron aprobados os dispositivos que garantirán a seguridade dos eventos devanditos.

Na reunión tratáronse outros temas como a seguridade cidadá do Concello de Quiroga. Segundo datos oficiais da Garda Civil a taxa de criminalidade está moi por debaixo das medias galega, provincial e española. No último ano, a taxa de criminalidade en Quiroga foi do 8,29 por mil habitantes cando no conxunto da provincia foi de 22,5, en Galicia alcanzou o 28,9 e a nivel nacional chegouse ao 45,6.

No 2018 rexistráronse tan só 27 infraccións penais, 13 delas foron delitos graves ou menos graves e as 14 restantes, delitos leves. Tirando de estatísticas da Garda Civil esclarecéronse 20 das 27 infraccións penais, descenderon en xeral aquelas que atentan contra as persoas pero aumentaron os delitos contra o patrimonio e os relacionados coa violencia de xénero, pasouse neste caso de 2 a 3 denuncias.

Na Xunta Local de Seguridade tamén se falou dos Plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, relacionados neste contexto coa seguridade nos Camiños de Santiago e coa convivencia e seguridade escolar.

Abordouse o Plan de Seguridade Xacobea 2019, aprobado hai pouco pola Garda Civil, que ten como obxectivo proporcionar atención e seguridade aos peregrinos ademais de vixiar e protexer os bens que integran o Patrimonio Histórico e cultural. E tamén se repasou a marcha do Plan Director para a Convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos do Concello de Quiroga. Para este curso están previstas 4 actividades, 2 xa realizadas sobre acoso escolar no IES de Quiroga e outras 2 por realizar sobre acoso escolar, riscos na internet e novas tecnoloxías a celebrar no CEIP.

visita a ribas de sil

Despois de participar na Xunta Local de Seguridade de Quiroga, Isabel Rodríguez achegouse ao Concello de Ribas de Sil.

Foi a súa primeira visita institucional a este concello, onde foi recibida polo alcalde, Miguel Ángel Sotuela, a quen acompañaban outros membros da corporación municipal.

No encontro, o alcalde e a subdelegada pasaron revista a algúns dos asuntos que máis afectan a este municipio da Ribeira Sacra, como o desenvolvemento rural, a viticultura, os recursos turísticos, o coidado dos ríos, a conservación do medio ambiente e a despoboación.

Visita da Subdelegada do Goberno a Ribas de Sil. Foto: Deleg. Goberno en Galicia

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here