HomeSucesosDetidos dous homes como presuntos autores dos reiterados lumes de Ribas de...

Detidos dous homes como presuntos autores dos reiterados lumes de Ribas de Sil e Quiroga

Un dos detidos é veciño de Peites, Ribas de Sil, e outro da Rúa. Este segundo como presunto autor do gran lume do pasado mes de xullo que arrasou unhas 149 hectáreas na parroquia de San Miguel de Montefurado, en Quiroga.

Publicado o

- Advertisement -

A Garda Civil detivo a dúas persoas como presuntas autoras de varios incendios forestais que tiveron lugar nos concellos de Ribas de Sil e Quiroga, concretamente localizados na contorna da N-120 entre Bendilló e Montefurado, afectando moitos deles ao lateral desta estrada dende os accesos de Figueiredo e Peites, poboacións do Concello de Ribas de Sil.

O pasado mes de xullo foi especialmente crítico pois producíronse, de forma reiterada, varios incendios na zona devandita, afectando uns a poboacións de Ribas de Sil e outros a poboacións de Quiroga como foi o caso do incendio de Montefurado o pasado 24 de xullo, o maior do verán ata o momento en Lugo. Os feitos xeraron alarma na zona tendo que actuar a Garda Civil, corpo de seguridade que iniciou unha investigación para esclarecer a orixe e a autoría dos mesmos.

Dadas as circunstancias e indicios dos diferentes lumes todo indicaba que estes podían ser intencionados e que a finalidade non era outra que facer mal e estragar o monte.

Segundo traslada a Garda Civil, unha das persoas detidas como presunto autor de seis incendios, seica coñecedora do protocolo de extinción, seguía un mesmo patrón e co amparo da proximidade do seu domicilio, procedía mediante a aplicación dunha fonte calorífica externa, indeterminada, á biomasa arbustiva nas beiras da N-120, lugar onde comezaban os lumes.

Beira da N-120 na que o ‘presunto pirómano’ prendeu en reiteradas ocasións. Fonte: Garda Civil

A devandita persoa, segundo describe a Garda Civil, ten 40 anos de idade, é veciño da parroquia de Peites, no Concello de Ribas de Sil, e foi posta a disposición do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 2 de Monforte de Lemos, decretando a liberdade con cargos.

Presunto autor do incendio na parroquia de San Miguel de Montefurado

En relación ao lume que se orixinou no lugar de Ermidón, a poucos quilómetros da poboación de Montefurado, o pasado 24 de xullo, tamén se detivo a un sospeitoso relacionado co mesmo. Froito da investigación dun equipo multidisciplinar de investigación de incendios forestais da Garda Civil, procedeuse á detención dun veciño da Rúa, localidade próxima ao lugar dos feitos aínda que xa pertencente á provincia de Ourense.

Segundo informa o devandito corpo de seguridade, trátase dunha persoa de 58 anos de idade e foi detido como presunto autor material deste incendio, entendendo que houbo dolo na propagación do mesmo.

Esta persoa tamén foi posta a disposición xudicial, decretando así mesmo a liberdade con cargos.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...