A Garda Civil detivo, no marco dunha investigación iniciada en Sarria (Lugo), a tres persoas e investiga a unha cuarta por estafar a 12 empresas estranxeiras a través de fraudes informáticas. A cantidade total estafada ascende aos 10.700.000 euros e o método utilizado polos detidos é a denominada “fraude ao CEO”.
As empresas vítimas deste ciberdelito teñen sede en Bélxica, Venezuela, Bulgaria, Noruega, Estados Unidos, Alemaña, Luxemburgo, Portugal, Chile e Reino Unido, segundo informou a Garda Civil nun comunicado.
Mediante o método utilizado polos detidos, tamén denominado “estafa BEC” –Business E-mail Compromise–, os atacantes suplantaban a identidade –spear-pishing– dos directivos destas empresas, facéndose co control das súas contas de correo electrónico. Posteriormente, solicitaban falsas transferencias aos bancos cos que estas empresas adoitan traballar. O diñeiro transferido acababa repartido en contas da organización.
Para dar máis credibilidade, os ciberestafadores achegaban aos correos facturas pro-forma onde figuraba o membrete das empresas que expedían. Os autores desta estafa informática enfróntanse aos delitos de pertenza a organización criminal, estafa continuada, branqueo de capitais, descubrimento e revelación de segredos, falsidade documental e usurpación de estado civil.
Para blanquear o diñeiro, a organización creara unha complexa armazón financeira de empresas e contas bancarias. Os investigadores chegaron a identificar un total de 83 sociedades e 185 contas bancarias relacionadas con esta estafa. Co obxectivo de non ser detectado, o curso do diñeiro estafado sufría un movemento continuo entre estas contas.
Ata o momento, a Garda Civil puido recuperar 1.290.000 euros, repartidos en 16 contas da banda que xa foron bloqueadas. A organización tamén blanqueada os beneficios de maneira directa a través da compra de inmobles.
A denominada operación ‘Lavanco’ iniciouse en 2016 en Sarria (Lugo). Dirixida desde a Comandancia de Lugo, a investigación contou coa colaboración de Europol e Interpol, así como a de varios corpos policiais estranxeiros como a FBI ou a BKA alemá. Os autores destes delitos –de entre 34 e 67 anos de idade– son veciños de Sevilla, Conca, Tarragona e Albacete, e xa pasaron a disposición xudicial.