HomeSucesosConfirman a condena por violación a unha coidadora en Monforte

Confirman a condena por violación a unha coidadora en Monforte

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación presentado pola defensa dun home condenado pola Audiencia Provincial de Lugo a catro anos e medio de prisión por agredir sexualmente e violar á coidadora da súa nai en Monforte.

Publicado o

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación presentado pola defensa dun home condenado pola Audiencia Provincial de Lugo a catro anos e medio de prisión por agredir sexualmente e violar á coidadora da súa nai en Monforte.

Deste xeito, o alto tribunal galego confirma integramente a sentenza ditada o 16 de decembro de 2025 pola Sección Segunda.

A defensa do acusado solicitara a revogación da condena alegando vulneración do dereito á presunción de inocencia e un suposto erro na valoración da proba, especialmente en relación co testemuño da vítima. Con todo, o TSXG rexeita estes argumentos e considera correcta a valoración realizada polo tribunal de instancia.

Na súa resolución, a Sala sinala que o visionado da gravación do xuízo permite comprobar “o acerto” da Audiencia Provincial ao analizar as probas practicadas, destacando que estas resultaron “certamente convincentes á hora de acreditar os feitos”.

O recurso tamén cuestionaba a motivación da sentenza condenatoria. Sobre este punto, o Tribunal Superior conclúe que a resolución recorrida contén “unha ampla e minuciosa valoración de todas as probas”, acompañada dun razoamento lóxico que explica como se alcanzou a convicción de culpabilidade, polo que considera que esta alegación carece de fundamento.

Así mesmo, a defensa invocara a existencia de dilacións indebidas durante a tramitación da causa. No entanto, o TSXG descarta esta circunstancia ao indicar que entre a data dos feitos e a celebración do xuízo transcorreron aproximadamente catro anos, un prazo que, a xuízo do tribunal, non supera os parámetros habituais esixidos para apreciar unha vulneración deste dereito.

A sentenza agora ratificada declarou probado que o acusado realizou diversos tocamentos non consentidos á vítima mentres esta traballaba no domicilio familiar como coidadora e que, posteriormente, chegou a violala. A Audiencia de Lugo considerouno autor dun delito continuado de agresión sexual e dun delito de violación.

Ademais da pena de prisión, o condenado debía abonar unha multa de 3.780 euros e unha indemnización de 10.000 euros á vítima.

Na sentenza inicial, os maxistrados outorgaron plena credibilidade ao relato da muller, ao que cualificaron de “coherente e preciso”, destacando ademais a súa persistencia e a ausencia de contradicións relevantes. O tribunal tamén subliñou que o testemuño foi corroborado por probas forenses e declaracións de testemuñas, descartando calquera indicio de denuncia falsa ou motivación espuria.

ÚLTIMAS

Premio ao Mellor Documental para o Colexio Escolapios de Monforte nun Festival Escolar Internacional

O Real Colexio Escolapios de Monforte vén de recibir o premio ao mellor documental...

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...