O alcalde da Pobra do Brollón, ante as “irregularidades” en Agader: “Temos a tesouraría moi tensionada”

José Luís Maceda esixe "responsabilidades políticas" á Consellería de Medio Rural.

Reunión COVID A Pobra do Brollón / Concello A Pobra do Brollón

O alcalde da Pobra do Brollón, o nacionalista José Luís Maceda, esixiu “responsabilidades políticas” ao conselleiro de Medio Rural, José González, por supostas irregularidades na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Así o expón despois de que González defendese o mércores no Parlamento galego que a Xunta remitiu á xustiza “cando se detectaron” as supostas irregularidades na xestión de varios expedientes por parte do ex subdirector xeral da Axencia Galega de Desenvolvemente Rural (Agader), Javier Blanco.

Foi despois dunha pregunta do Grupo Socialista sobre este caso –que instrúe o Xulgado Número 2 de Compostela–, que demanda información acerca de tres subvencións de Agader ao Concello da Pobra do Brollón por 290.000 euros, no que respecta a cuestións como un proxecto arqueolóxico, obras en camiños e un albergue.

Así, Maceda denuncia que a “situación é complicada para o concello“. “Nós adiantamos 100.000 euros que xustificamos e non imos recibir nin un euro”. “Vendo que isto vai pola vía penal contra este cargo político, isto vaise atrasar moito”, aventura.

Ademais, protestou porque está a esperar a que o reciba o conselleiro de Medio Rural, ao que carga coa responsabilidade política, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Neste escenario, aproveitou para demandar “responsabilidades políticas, porque se trata dun cargo político (Javier Blanco) posto nun ente como Agader”, que depende de Medio Rural.

Mostra a súa sospeita de que este caso salpique a máis municipios. “A min gustaríame ir máis aló e ver se é só A Pobra do Brollón ou estamos nunha situación dun volume importante de corrupción”, apunta.

Nesta liña, deixa caer que a Xunta debería “repor” eses 100.000 euros, que supón o dez por cento do orzamento dun “municipio pequeno como é o noso”. “O problema é que nós temos obras xustificadas por 100.000 euros e non recibimos nin un só euro e non sabemos cando o imos recibir. Temos a tesouraría moi tensionada“, relata o rexedor.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here