O BNG denunciou este xoves no Parlamento a situación “insostible” e “inhumana” que viven os residentes do centro de maiores DomusVi de Monforte de Lemos, cun “longo historial” de polémicas desde hai anos. A Xunta, pola súa banda, reivindica o seu compromiso co benestar dos maiores e lembra que, cando se detectaron problemas, “non tremeu a man”.
O deputado nacionalista Iago Suárez fíxose eco das denuncias de traballadores e persoas próximas ao centro, centrándose no narrado por un traballador sanitario que hai uns días acudiu ao centro para atender a un residente que tiña un brote de sarna. “Entramos ás tres da mañá para atender unha urxencia; o cheiro a ouriños e a feces era insoportable, non sabemos se porque non se recolleron os cueiros… Había un residente con brotes de sarna que se puxo moi agresivo e que ameazaba ás profesionais que non podían facer nada para defenderse“, relatou.
Segundo o relato destas persoas, “as profesionais só podían chorar ante a falta de capacidade; só eran tres para atender as 180 persoas e aínda por riba coa que se montou. A saber cantas veces máis pasou isto”. Ante esta situación, o nacionalista puxo o foco na “responsabilidade” do Goberno galego en garantir condicións dignas, “non só nas residencias públicas, senón tamén as privadas que reciben millonadas de diñeiro público”.
Lembrou que o Goberno autonómico é responsable das cocientes de persoal, que no caso da DomusVi de Monforte é de 18 profesionais de mañá, 14 de tarde e tres coidadoras de noite xunto a unha profesional de enfermería. Por iso, emprazou á Consellería de Política Social a “non seguir de brazos cruzados e a actuar xa”, chegando mesmo a pedirlle ao departamento autonómico “misericordia”.
XUNTA: “NON NOS TREME A MAN”
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, compareceu ante esta comisión para responder, entre estas cuestións, ao deputado nacionalista. A responsable autonómica reivindicou o compromiso total da Xunta co benestar dos maiores. “Somos coidadosos cos servizos que se prestan nas residencias e, por esa razón, contemplamos a nivel normativo os recursos para que cada centro preste o servizo apropiado ás súas necesidades”, remarcou.
Así, puntualizou, entre outros puntos, que os cocientes non son estáticos, senón dinámicos, que se modifican e adaptan segundo o número de dependentes e as súas necesidades. Reivindicou ademais as inspeccións periódicas que levan a cabo profesionais “moi serios” e, nesta liña, afirmou ademais que a Xunta “nunca lle treme a man cando se trata de velar polo benestar dos maiores”. “Cando detectamos algún incumprimento, actúase de inmediato, caia quen caia”, aseverou.
Así mesmo, puxo en valor algunhas das medidas autonómicas para os maiores, como o bono coidado fogar ou as casas do maior, ademais do aumento de prazas en residencias. Todo isto, apuntou, enmarcado nun plan de choque, permitiulles superar a cifra de 90.000 dependentes atendidos, o que converte a Galicia “nunha das mellores comunidades no que se refire a dependencia”. Por último, lamentou que os nacionalistas sexan “moi bravos” coa Xunta e “moi mansos” co Goberno estatal, ao que volveron a demandarlle que abone o 50 % dos fondos comprometidos para a dependencia.

