A D.O. Ribeira Sacra, particiou este ano en Enofusión, Fitur, Xantar, Prowein, Vinis Terrae, Gourmets, Fenavin, Vinexpo e a London Wine Fair, precisamente este domingo, José Manuel Rodríguez, viaxa a Londres para participar nesta última cita á que a D.O. Ribeira Sacra acude por primeira vez.
Destacou José Manuel Rodríguez que a participación nestas feiras supón unha forte aposta pola promoción nacional e internacional e fai un balance moi positivo da acollida dos viños da D.O. Ribeira Sacra nestas citas. Dentro das actividades de promoción está tamén o Festival do Viño que se celebra en Monforte, cita que se retomou hai dous anos coincidindo co 25 aniversario da Denominación de Orixe coa idea de mantela no tempo. Nese ano 2017, desde o Consello Regulador mantéñense conversas co alcalde de Monforte, José Tomé, para organizar conxuntamente o evento e este comprométese a facerse cargo da metade do custe, pero a celebración levouse a cabo sen que o Concello de Monforte aportase nada.
Para a celebración do Festival do Viño no 2018 falouse, entre ambas partes, de firmar un convenio que segue sen asinarse, pero desde o Consello creuse na palabra do alcalde e nese ano o Concello tampouco aportou nada á celebración do Festival do Viño. Nestes dous anos o financiamento do Festival do Viño correu por conta do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, a Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, CaixaBank e dos ingresos do propio Festival.
José Manuel Rodríguez sinalou que este ano se lle informou ao Concello de que non se organizaba o Festival por falta de fondos, “ao ser ano electoral as Deputacións non teñen consignadas as axudas, pero que se retomaría a cita no 2020 ou con carácter bianual se non había cofinanciación doutras administracións, pero que este ano non o podiamos facer porque a disponibilidade económica que temos é a que temos e Consello ten que ir aos eventos que considera que son importantes para vender o noso viño”.
O Presidente do Consello Regulador explicaba na rolda de prensa que recentemente os adegueiros recibiron carta do alcalde de Monforte na que se lles invitaba a participar do evento que se celebrará entre o 5 e o 7 de xullo e sinalando que o Consello se desvinculaba da organización. Nesta situación, José Manuel Rodríguez deséxalle ao Concello o maior dos éxitos nunha cita que ten como finalidade promocionar o viño, pero asegura que non pode consentir que se minta sobre o traballo e o papel da Denominación e que “José Tomé se autopoclame organizador e promotor deste evento cando nin organizou nin puxo un euro. Nós comunicamos que non tiñamos fondos para asumir a cita este ano, de feito aínda se nos deben 25.000 euros da pasada edición, pero o alcalde de Monforte dirixiuse aos adegueiros sen ter falado nada co Consello Regulador e mentindo sobre a situación e o noso traballo. Na carta o alcalde minte, a súa palabra non vale e aproveitase do traballo dos demais. O noso é facer viño e vender a imaxe do viño, non estamos aquí para afear a imaxe de ninguén, pero non podemos permitir que nolo queiran facer a nós. Non imos permitir que se poña e tea de xuizo a un Consello Regulador que promove a Ribeira Sacra, xera emprego, fixa poboación, impulsa o turismo e crea e define unha paisaxe atractiva que repercute positivamente na imaxe da Ribeira Sacra. Non queriamos ter que facer isto en campaña electoral, pero foi agora cando o alcalde enviou as cartas, unhas cartas que perxudican a nosa imaxe con mentiras e tiñamos que explicar a realidade da situación. A nosa campaña é vender viño, non temos outra campaña”.
London Wine Fair
Este ano, por primeira vez, a D.O. Ribeira Sacra participa na London Wine Fair, o evento de viños máis grande do Reino Unido e unha das citas internacionais máis importantes do sector, onde se dan cita máis de 14.000 viños de 32 países e conta coa asistencia de importadores e distribuidores de todo o mundo.
A feira desenvólvese entre os días 20 e 22 de maio, días nos que se converte nunha excelente oportunidade para amosar os viños da D.O. Ribeira Sacra ao mundo e en particular ao mercado anglosaxón, que é moi importante para a Denominación. Acudir á London Wine Fair contribúe a consolidar as vendas das adegas da Denominación que xa exportan ao mercado anglosaxón e abre a posibilidade a outras adegas.
Como en Vinexpo Bordeaux, feira da que acaba de chegar a D.O. Ribeira Sacra, na London Wine Fair estará presente a través do Túnel do Viño que se leva a cabo no pavillón de España que organiza o ICEX.
O Túnel do Viño que permite dar a coñecer toda a variedade dos viños da D.O. Ribeira Sacra contará coa participación de case unha trintena de marcas de 10 adegas. As adegas participantes son:
- Adega Monte da Boga
- Adegas e Viñedos Vía Romana
- Bodegas de Rectoral de Amandi
- Bodegas de Santa María de Nogueira
- Grupo Peago
- Javier Méndez Arias
- Regina Viarum
- Víctor Manuel Rodríguez López
- Spanish Wines by Carlos Rodríguez
- Tolo do Xisto