
Este 2 de marzo comezaba a preparación para os futuros integrantes do coñecido como Centro de Competencias Dixitais (CCD) de Monforte e que estará especializado en Ciberseguridade. A empresa do grupo Renfe que xestiona o proxecto é LogiRAIL, compañía que vén de pór en marcha tamén convenios para colaborar con centros de ensino locais como o IES A Pinguela e o IES Francisco Daviña Rey.
Aproveitando esta primeira xornada de formación, o alcalde monfortino, José Tomé, e o director xeral de LogiRAIL, Óscar Gómez Barbero, reuníronse cos dez rapaces e rapazas aos que un equipo de formadores capacitará para poder formar parte da plantilla do CCD neste novo centro tecnolóxico especializado en ciberseguridade co que contará Monforte.
José Tomé, dirixíndose a eles, explicoulles a importancia que ten o proxecto para a cidade de Monforte porque significa recuperar a imaxe de Renfe de hai anos “cando era considerada como o Naval en Ferrol”, e ver “con orgullo e optimismo a creación deste proxecto” tan necesario para superar a etapa de decadencia coa supresión de servizos. Como anécdota, comentar que o rexedor monfortino insistiulle aos presentes en que Monforte si, é unha cidade, lembrándolles que ten o título, concretamente de ‘cidade condal’ que lle outorgou o Rei Alfonso XII no ano 1885.
Antes de rematar a súa intervención felicitou e agradeceu ao director xeral de LogiRAIL polo “cumprimento fiel e escrupuloso dos prazos previstos para o desenvolvemento do proxecto cando se anunciou”.
Pola súa parte, Óscar Gómez, manifestou “sentirse emocionado por brindar a posibilidade de progreso a uns mozos cunha perspectiva profesional limitada que poden agora progresar na súa formación e na súa cidade”. Como anécdota explicou o caso dun centro creado en Alcázar de San Juan, que viu empezar e que tempo despois ao volver atopou o aparcamento cheo de coches, evidenciando a progresión e mellora económica dos traballadores.
Para a incorporación destes primeiros 10 traballadores contactouse cos centros monfortinos IES A Pinguela e IES Francisco Daviña Rey que achegaron gran parte dos perfís seleccionados, pero tamén houbo contactos coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela e os centros CPI de FP A Farixa, IES Politécnico de Lugo e o IES Monterroso, entre outros.
CENTRO DE COMPETENCIAS DIXITAIS
Pioneiro en Europa, o futuro CCD en Galicia, no que Renfe investirá preto dun millón de euros para a súa creación, terá como obxectivo detectar, analizar e corrixir incidentes de seguridade, empregando as solución tecnolóxicas máis avanzadas na industria. Ademais, este centro de operación de seguridade poderá constituír a base de creación e desenvolvemento dun Clúster Empresarial de Ciberseguridade aplicada ao sector ferroviario.
Renfe continúa coa selección de candidatos e comezou xa a elaborar convenios de colaboración con institucións locais. A intención, segundo indican dende a compañía, é fomentar o emprego cualificado, con especial atención ao primeiro emprego dos mozos e mozas, e darlle pulo ao talento feminino.
O investimento en Monforte enmárcase no do Plan Estratéxico da compañía e a inciativa forma parte tamén da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico para a deslocalización de actividades e combater o despoboamento.