As Tanxugueiras no ‘Día do Gaiteiro’ das Festas Patronais de Monforte

Este 15 de agosto alboradas de grupos tradicionais percorrerán as rúas da cidade, haberá unha Mostra de Danza e Música Tradicional e pola noite actuarán As Tanxugueiras na explanada da Compañía. As Festas Patronais empezaron o pasado 11 de agosto e rematarán o vindeiro mércores 16.

Tanxugueiras presentando o seu novo directo no Arde Lucus 2022. Foto: Carlos Castro

Este martes 15 de agosto celébrase en Monforte o Día da Patroa, a Virxe de Montserrat. O acto relixioso principal das festas patronais celebrouse esta mañá na igrexa da Régoa, como vén sendo habitual estes últimos anos, debido a que a igrexa de San Vicente continúa pechada debido as actuacións de mellora que se están a facer no seu alumeado. A comitiva institucional encabezada polo Alcalde saíu do Campo de San Antonio ás 10:30 h. e a misa celebrouse ás 11 horas.

Nesta mesma xornada ten lugar o tradicional Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas percorren diferentes rúas da cidade durante a mañá. Pola tarde, a actividade céntrase na Praza de España onde terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional coa presenza maioritaria de grupos de gaitas e de danza son de Monforte.

Baile tradicional na Praza España. Foto: Concello de Monforte.
Ambiente de música tradicional nas rúas monfortinas / XdL

A guinda a este día poñerano As Tanxugueiras co seu concerto ás 00:30 h. na explanada da Compañía.

Antes deste concerto, farase o xa popular percorrido das Barcas tradicionais engalanadas polo río Cabe, sobre as 23:30 h. e poderase gozar dos Fogos de San Vicente. Para os amantes do rock, na Compañía actuará o grupo Tekila ás 23:00 h. e ás 2:00 h. da madrugada.

As barcas engalanadas. Foto: Concello de Monforte.

EXITOSA PROGRAMACIÓN MUSICAL

O interesante cartel de concertos programados para estas Festas Patronais estalle dando un gran ambiente á cidade do Cabe, con especial concentración de visitantes nalgún deles como foi o caso da Orquestra Panorama o pasado domingo 13 de agosto.

Dende o día 11 pasaron polo escenario da Compañía artistas como Lucía Pérez, Mikel Erentxun ou Antonio José; orquestras como a Panorama, América de Vigo ou Galilea; e grupos locais como Malenne, Deloreans ou Gin Toni’s.

Aspecto da Compañía no concerto da Orquestra Panorama. Foto: Concello de Quiroga.

No outro escenario, na Praza España, actuaron a Banda de Acordeóns O Folión dos Xograres de Lemos, a Orquestra de Saxos de Redondela, a Orquestra de Música do Conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte e a Gallaecia Big Band.

Para o mércores 16, como peche das festas, están no cartel a orquestra Ritmo Joven e ás 00:30 h Luz Casal, despois dos Fogos Artificiais de Auga dende o río Cabe.

Fogos artificiais dende San Vicente. Foto: Concello de Monforte.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here