O acto de presentación, que tivo lugar na praza da Casa Consistorial, serviu para dar a coñecer a moto coa que Iglesias competirá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38.
Na recepción, o Alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e por dous membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora e José Manuel Cerdeira.
Este 2025 será o sexto ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o alcalde desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes como tivo na edición do ano 2023 na etapa prólogo, e que, si pode, supere o mellor posto acadado, que foi o 53 que conseguiu na edición de 2021.”
Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas cinco participacións no Dakar. Conseguiu rematar en 4 das 5 ocasións o que é o rally máis duro do mundo e fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020, no posto 53 en 2021, no posto 78 en 2022, e no 74 en 2024. En 2023, un accidente na etapa prólogo impediu a súa continuidade na proba.
“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal. Ademais, o alcalde salientou que o piloto monfortino levará o nome de Monforte, da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación.
Tomé Roca recoñecía tamén que tanto o Concello como a Deputación provincial de Lugo apoian economicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición. En concreto, o concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000€, ós que se engade outra axuda da Deputación provincial de Lugo, “porque sen dúbida contribuirá a que de novo Monforte, a Ribeira Sacra e a provincia de Lugo estean representados nun evento deportivo que xenera un enorme seguimento e ten unha repercusión mundial, con máis de 200 millóns de telespectadores”.