Chega unha nova edición do Mercado de Nadal de Monforte. Será os días 20 e 21 de decembro e desenvolverase co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade, fomentar as compras no comercio local e divertir a toda a familia.
Desenvolverase nas instalacións anexas da Praza de Abastos en horario de 10 a 14:00h. pola mañá e de 17:00 a 20:30h pola tarde, contará con 16 expositores e acollerá diferentes actividades creativas e de lecer repartidas durante a fin de semana.
POSTOS DE VENDA E ACTIVIDADES
O público poderá atopar nos 16 expositores presentes nesta edición diferentes posibilidades de agasallos, produtos gastronómicos, chocolate quente e doces variados.
Ao longo das dúas xornadas desenvolverase diferentes actividades dirixidas a público familiar. Unha novidosa será un videomatón de Nadal 360º no que os asistentes poderán subirse á plataforma e editar o seu vídeo felicitando as festas. Os máis pequenos da familia poderán visitar tamén unha recreación da habitación de Papa Noel e entregar as súas cartas no espazo anexo á Praza de Abastos.
No que respecta aos obradoiros, o sábado 20 haberá un para nenos e nenas no que elaborarán adornos e outros accesorios. Será de 12.00 a 14.00 horas. E o domingo 21 terá lugar un obradoiro artesanal de pintura, tamén de 12:00 a 14:00 h.
No que respecta aos espectáculos de entretemento, destacar que o sábado 20 ás 18.00 horas terá lugar o espectáculo “Un Nadal chungo que te cagas”, a cargo do artista Peter Punk; e o domingo ás 18.00 horas actuará Brais das Hortas co espectáculo musical “Consertasso na horta”.
O videomatón navideño 360º estará en funcionamento o sábado 20 de 18.00 a 20.30h, e o domingo pola mañá de 11.30 a 13.30h, e pola tarde, de 18.00 a 20.30h.
ACTUACIÓNS NO MERCADO DE NADAL
“Un Nadal chungo que te cagas”, con Peter Punk
O Nadal tamén pode ser unha festa tola, gamberra e chea de risas. Peter Punk chega disposto a desmontar o espírito destas datas co seu humor irreverente e o seu inconfundible estilo. Nesta ocasión, o pallaso máis punk do país presenta o seu Nadal particular: onde lle dá a volta á árbore, ás luces, aos gorros e a todo ese atrezzo festivo, pasándoos polo filtro máis absurdo, retranqueiro e divertido de Peter Punk Pallaso.
Malabares, lume, música e un desbordante talento escénico combínanse nun espectáculo universal e todoterreo, perfecto para todos os públicos. Un show que demostra que o Nadal tamén pode ser chungo… que te cagas!

“Consertasso na Horta”, con Brais das Hortas
Hoxe na horta de Brais das Hortas hai concerto. Mellor dito: Consertasso! Todo da casa! Grelos e temassos, cun equilibrio variado de formas e estilos – como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudable! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenorias, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda ás veciñas para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temassos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis. Música e humor para toda a familia.

