A defensa de José Tomé mantén o seu rexeitamento ás acusacións e continúa tentando o arquivo da causa
A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo volveu citar a denunciante para o 23 de xullo co obxectivo de realizar o volcado e análise do contido da súa conta de WhatsApp e tamén chamou a declarar a cinco mulleres como testemuñas para setembro.
Segundo explicou o avogado da denunciante, José Luis Pena, esta actuación responde a unha cuestión técnica destinada a comprobar e reforzar as declaracións prestadas pola muller durante a súa comparecencia xudicial do pasado mes de maio e asegura que conserva mensaxes que poderían avalar a súa versión dos feitos.
“Aínda que non hai mensaxes explícitas, si hai outros que están relacionados cos feitos e que avalan a versión da vítima”, subliñou, poñendo como exemplo un no que ela lle escribe ao día seguinte da reunión “non son unha prostituta”.
Ademais, a maxistrada acordou a declaración doutras cinco mulleres como testemuñas, unha medida solicitada pola Fiscalía. Como avanzou o avogado, trátase de persoas vinculadas ou relacionadas nalgún momento co PSOE “todas vinculadas todas ao contorno político de Tomé, como traballadoras ou concelleiras”, asegurou o letrado, quen abriu a posibilidade de que algunha delas dea o paso e presente denuncia.
Os nomes destas mulleres xurdiron durante as declaracións, o pasado mes de maio, da denunciante e da súa nai, empregada do partido desde hai anos. “Sabemos que hai máis mulleres que pasaron por cousas semellantes e que queren denunciar, pero teñen medo”, asegurou Pena, quen avanzou que a defensa de José Tomé presentou este xoves un novo recurso na Audiencia para impedir estas declaracións, aínda que a previsión é que as citen a finais do mes de setembro.
Segundo aclarou, estas mulleres non estarían directamente relacionadas cos feitos que motivaron a denuncia -a suposta petición de favores sexuais a cambio dun posto de traballo no Concello de Monforte, acusación que Tomé rexeita-, pero poderían achegar información sobre outros comportamentos “presuntamente inadecuados” atribuídos ao dirixente socialista.
A Fiscalía xa se pronunciara con anterioridade en que consideraba necesario ampliar a investigación para esclarecer se os feitos denunciados poderían encaixar en delitos relacionados coa liberdade sexual ou mesmo en ameazas ou coaccións.
A DEFENSA DE TOMÉ PIDE O ARQUIVO
Pola súa banda, a defensa de José Tomé mantén o seu rexeitamento ás acusacións e continúa buscando o arquivo da causa. Tras solicitar sen éxito o sobresemento das actuacións nunha fase inicial da investigación, o político recorreu no seu momento a decisión ante a Audiencia Provincial, primeiro co proceso en si e agora coa recente citación das cinco mulleres.
Mentres tanto, a denunciante reiterou publicamente a súa intención de seguir adiante co proceso xudicial. Nunha recente intervención televisiva volveu ratificarse no seu relato e criticou o respaldo que, ao seu xuízo, segue recibindo Tomé por parte de dirixentes socialistas.
Ao respecto, o seu avogado, José Luis Pena, criticou o comportamento da dirección do PSOE autonómico cando tivo coñecemento dos feitos a través da nai da vítima. “A moza e a súa nai acudiron á canle interna do PSOE porque así llo indicaron, pero o máis grave de todo é que ningunha destas outras mulleres denuncia porque o PSOE non lles explicou o que teñen que facer”, dixo, engadindo que o partido está “tentando tapar os casos, querendo ou sen querer, pero iso significa unha irregularidade que vai máis alá do puramente administrativo”, concluíu.
Tamén quixo sinalar o avogado da acusación que o partido se comprometera a facerse cargo dos gastos do psicólogo e da defensa xurídica da vítima “pero non o chegaron a facer en ningún momento”.

