Ferreira de Pantón prepárase para unha fin de semana de intensa actividade festiva na que se exaltan os viños cultivados neste enclave tan especial que está delimitado polos ríos Miño, Cabe e Sil, territorio ao que algúns denominan a “Mesopotamia galega”. A mostra empezará este venres, 17 de maio e rematará o domingo 19.
Na edición deste ano estarán presentes 8 adegas da zona: Adega Casa Moreiras, Adega Capilla, Adega Losada Fernández, Adega Saíñas, Alma das Donas, Adega Nogueiras, Finca Míllara e Adega Ciudáseis.
O recinto feiral estará no ‘Campo da Feira’ do Castro de Ferreira, capitalidade de Pantón, e a apertura de casetas terá lugar este venres ás 13:00 h. Ademais dos postos que ocuparán as adegas haberá outros de produtos gastronómicos e artesanais.
Para a tarde deste mesmo día, ás 19:00 h. está prevista a Inauguración oficial coa presenza de Belén María do Campo Piñeiro, Directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.
Durante todo o día animarán as charangas Louband de Sarria e Brexit. E xa pola noite, ás 22:00 h., actuación de Broken Peach, formación singular que como eles mesmos din, “podería ser unha banda, podería dicirse que son un coro, podería tamén dicirse que son un espectáculo para nenos e adultos…” E a continuación, como remate a este primeiro día de festa o esperado concerto da banda de rock cántabra La Fuga.
O sábado 18 o protagonismo é para a IV Festa da Empanada, romaría de exaltación deste produto galego que en Ferreira ten especial fama por ser terra de bos panadeiros/as. Como é costume, o xantar campestre ten lugar no recinto do Castro. Alí haberá venda de empanadas e produtos da terra, de comer e de beber non ha faltar; e como é costume haberá premios para os grupos, para o máis numeroso, para o máis festeiro e para o que teña a camiseta máis orixinal. Durante a xornada a ambientación correrá a cargo das charangas Louband e Europa, e xa pola noite, ás 22:30 h. outro gran concerto. Neste caso a cargo do grupo musical Señor Aliaga, destacada formación indie do panorama nacional.
Para o domingo o programa contempla actuación polas rúas da banda de gaitas local O Castro e ás 12:30 h. recepción de autoridades. A continuación, ao redor das 13:00 h. chegará un dos momentos esperados tamén desta edición da Mostra de Viños, o pregón. A protagonista deste ano será Eva Iglesias, cantante, humorista e actriz coñecida sobre todo por formar parte do equipo do programa Land Rober da TVG. Todo o anterior no Campo da Feira, lugar onde están os postos das adegas.
Para a tarde, pechando a edición deste ano, ás 17:30 h. haberá un concerto da agrupación tradicional monfortina Xograres de Lemos e ás 19:30 un fin de festa tamén musical. A charanga Támega encargarase da ambientación nesta xornada dominical.