Alba María naceu en Las Palmas de Gran Canaria, no ano 1995, aínda que o seu pasado familiar está na parroquia pantonesa de Tuiriz. Vive en Vigo, cidade na que se formou como filóloga e onde estudou canto e acordeón. Canto n’aCentral Folque e acordeón no CMUS da cidade olívica. Actualmente imparte docencia de regueifa e improvisación oral por toda Galicia.
Previo de preguntas rápidas:
Cal foi o teu 1º concerto?
Foi no 2012, en Vigo, no café Detrás do Marco.
O teu concerto máis especial?
Habería moitos… Pero quizais o primeiro que dei en Compostela co meu irmán, Queco Díaz, á guitarra, na Gentalha do Pichel. Ou calquera ao que viñese vernos a nosa familia.
Concerto nunha sala ou ao aire libre?
Nunha sala, para facerlle xustiza ao verbo “arreconchegarse”. Unha sala pequeniña. Ou o salón dunha casa mesmo mellor, para verlle as caras e as almas ao público.
Regueifa ou canción?
Ultimamente improviso cancións. Así que… elixo as dúas, que combinan ben!
E, a partires de aquí, comeza a entrevista a fondo con Alba María.
Sabemos que foi a túa avoa de Tuiriz quen te animou ao canto. Como foi isto? Lembras algunha canción ou cantiga en especial?
Vivín toda a vida con meus pais e meus avós, que marcharan de novos desde Tuiriz a traballar a Vigo. Miña avoa Carmiña é a única que canta habitualmente na casa. E din que se te crías con persoas que teñen bo oído quizais o desenvolvas mellor. Así que ao mellor foi iso. A canción que máis cantamos xuntas é “La violetera”, porque as dúas somos fans de Sara Montiel (risas). Lembro que para durmir cantábame de pequena “Arronrrón cascarrón”. Agora ensínolle eu a regueifar, e mesmo algún rap xa se marcou aos seus 80 anos. É unha xefa.
“A canción que máis cantamos xuntas é “La violetera”, porque as dúas somos fans de Sara Montiel (risas)”
A túa carreira musical pegou un xiro ao gañar o “I Certame de Canción de Autor” organizado polo concello de Teo. Que obra presentaches ao concurso? E que supuxo para ti?
Presentei ao concurso a “Habaneira de Berlín”, unha peza que falaba da emigración xuvenil a Alemaña, cunha letra da que aínda hoxe, 6 anos despois, me sinto moi orgullosa. Para min gañar ese concurso supuxo comezar a ter consciencia do mundo profesional da música galega, coñecer persoas que tiñan as mesmas ganas de facer música en galego ca min… O premio era gravar un disco e iso tamén foi un grande camiño.
A día de hoxe tes un disco publicado, “Aínda” (aCentral Folque, 2014). Como foi para ti a experiencia de poder gravalo? E de poder reflectir desta forma a túa música?
Gravar “Aínda” foi un enorme reto e unha grande aprendizaxe para min, que tiña por aquel entón 19 anos e nunca me metera nun estudio. Eran as miñas cancións e n’a Central Folque, que considero a miña casa, fornecéronme non só de edición discográfica, senón tamén de asesoramento, músicos acompañantes, produtor musical… Poder reflectir a miña música nun formato feito para “permanecer” supuxo un impacto grande na miña carreira como cantora, e tamén unha conciencia de que esa permanencia da gravación está ben, mais non é o único. De aí que guste de facer cancións mais tamén de improvisalas, de crear letras e melodías que só se poden escoitar no aquí e no agora e nunca máis.
“Eu daquela era unha neofalante con moitas ganas de mesturar poesía e música, e na regueifa atopei o formato perfecto para me expresar”
Sabemos que dentro da improvisación es unha das voces máis novas. Como empezaches neste arte? E que ten de especial para ti a regueifa?
Unha das cousas que máis me gusta dicir é que, sen contar os ámbitos profesionais, non son unha das voces máis novas. Actualmente teño compañeiras regueifeiras de 6 anos ou menos, o que me fai moi feliz ao ver que este xénero ten continuidade, sobre todo tendo en conta que hai nenas e mulleres que se atreven a mostrarse no espazo público.
Comecei nesta arte como alumna dos obradoiros que organizaba (e segue a organizar) a Asociación ORAL de Galicia na área de Vigo, a miña cidade, en 2009. Tiña 14 anos cando Luís O Caruncho e Pinto de Herbón, dous grandes regueifeiros, viñeron ao meu instituto. Eu daquela era unha neofalante con moitas ganas de mesturar poesía e música, e na regueifa atopei o formato perfecto para me expresar. Despois cambiei de instituto e atopei outra compañeira tamén interesada na regueifa, Sara Marchena. Con ela comecei a improvisar nos recreos e ata agora, cando nos convertemos en formadoras. A regueifa e toda a improvisación oral para min implica asumir: asumir a realidade e os estímulos que atopas no momento, para así poder permanecer, adaptarte e seguir improvisando. Non hai unha mellor aprendizaxe tamén para a vida.
Cóntanos un pouco que é o proxecto “é-Romance/é-Brindo” d’aCentral Folque?
É-Romance e É-Brindo, son dous proxectos artísticos e educativos d’aCentral Folque vinculados ao Xacobeo 2021, cuxo obxectivo é poñer en valor dúas realidades culturais que constitúen unha parte ben relevante do patrimonio inmaterial galego: os brindos (xénero de improvisación oral das montañas orientais galegas) e os romances (xénero oral de poesía narrativa). Dentro deste proxecto houbo edición de libros de divulgación, obradoiros para a infancia, conferencias e concertos.
Sabemos que sobre este proxecto fixeches un obradoiro no C.E.I.P. Monte Baliño e un concerto no mosteiro do Divino Salvador no Castro de Ferreira. Como foron estes actos?
A verdade é que foi moi especial, por ser o concello de onde vén a miña familia. O obradoiro démolo a zanfonista Uxía Muíño e mais eu, e no concerto acompañounos á guitarra eléctrica Queco Díaz, meu irmán. Foi lindo porque veu vernos a nosa familia de Tuiriz, e mesturamos o contemporáneo da guitarra eléctrica co tradicional da zanfona. Sentímonos moi arroupados e fíxonos moita ilusión devolver á comunidade todo o que aprendemos dela.