Vilachá: volve a feira do viño máis enxebre da Ribeira Sacra

Esta fin de semana, 7 e 8 de maio, as adegas centenarias de Vilachá de Salvadur abren de novo as súas portas para un devecido encontro co viño e a foliada. Xabier Díaz será o pregoeiro.

Festa rachada en Vilachá (arquivo). Foto: XMF

Unha frase que figura no comezo da programación do cartel serve como carta de presentación e resumo do que representa a Feira do Viño de Vilachá: “A festa é improvisación, mais unha pequena partitura non está de máis”.

O símil musical está moi ben buscado. Nestas datas, Vilachá é así. Achegarse ás adegas a tomar uns viños, parolar cos amigos e amigas e gozar da foliada continua que ofrecerán os grupos de música tradicional ao longo da fin de semana.

Neste senso, a música tradicional será unha das protagonistas coa presenza continuada de doce grupos de Cantos de Taberna para ambientar musicalmente o conxunto de adegas da Abelaira, en Vilachá. O sábado, dende media mañá, participarán os grupos de cantos de taberna: Antoxo duns poucos, A Derradeira, O Recanto, As Macizas Centrais, Os Parrandas e Son do Mao. E o domingo a animación correrá a cargo dos grupos: Os Corenta e Chinco, Gaiteiros de Samoeiro, As Recuncadas, Searas, Skachakunchas, Os Somontanos e Os Tabernos.

Grupo ‘O Recanto’ / XdL
As Searas. Foto: XMF

Improvisación si, pero vaiamos á ‘pequena partitura’ que presenta este ano o Concello da Pobra do Brollón, como organizador do evento.

O PROGRAMA

O sábado 7 comezará cunha charla-cata a cargo do sumiller Juanjo Figueroa que leva por título “Espremendo a uva de Vilachá”. Figueroa é director técnico do Curso Superior de Sumiller Profesiona no Instituto Galego do Viño. Nesta cata, que se realizará no ‘Espazo Petiscos’ probaranse catro viños: un colleiteiro, un viño xove e dous de barrica.

Como remate a esta xornada de sábado, ás 22:30 h. ofrecerá un concerto o grupo Brassica Rapa, primeira fanfarria cento por cento feminina e galega. A formación iniciará no Espazo Petiscos un percorrido polo conxunto das adegas ata acceder ao Campo da Festa onde estará o escenario.

O domingo 8 a feira abrirá as súas portas ás 12:00 h. co grupo local Gaiteiros de Samoeiro, grupo de gaitas formado por alumnos da Escola de Música Municipal Samoeiro.

A continuación, ás 13:00 h. terá lugar o pregón. Nesta 29ª edición o encargado da exaltación desta enxebre e senlleira cita cos viños da Ribeira Sacra será Xabier Díaz. Unha honra para esta celebración contar con este gran músico galego; cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional.

Ambiente de festa diante dunha adega. Foto: XMF

Despois da súa intervención, ás 13:30 h. chegará Baturruka, unha formación de batucada que, en palabras da organización, “sairá do campo da festa cara o descontrol”…

Xa pola tarde, ás 19:00 h. terá lugar a Cata-Concurso do “Circuito colleiteiros” a cargo do sumiller Juanjo Figueroa, Isabel Lozano –de Vinissi– e Martín –de viñoteca Ribeirao–. Nesta cata, aberta ao público, cataranse os viños de colleiteiro.

No recinto do conxunto histórico das adegas haberá, ademais do ‘Espazo Petiscos’ –a cargo de Brais Gómez do Restaurante Trespés e Bret Fernández de Gutrei Galicia– un posto de Polbo e Churrasco e tamén diferentes postos con produtos locais e de artesanía.

SERVIZO CONTINUADO DE TAXIS

Este ano, non haberá autobuses dende A Pobra ou Monforte. En cambio, a organización contactou cos taxistas da Pobra do Brollón para acordar un servizo continuado de taxis entre a área recreativa de Samugueiros –na Pobra do Brollón– e as adegas de Vilachá. Os horarios do servizo serán os seguintes:

Subida dende Samugueiros: entre as 11:00 e as 14:00 h.

Baixada dende as Adegas: Sábado: 20:00 – 02:00 h / Domingo: 20:00 – 22:00 h.

Os números de teléfono dos taxistas son os seguintes: 

  • Marisa (4 prazas) 606 521 462
  • Tony (6 prazas) 619 383 686
  • Iván (7 prazas) 617 212 869

A tarifa tanto de subida como de baixada serán 15 euros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here