HomeTerra de LemosA Pobra do BrollónAchégase a 'Feira do Viño de Vilachá', a máis enxebre da Ribeira...

Achégase a ‘Feira do Viño de Vilachá’, a máis enxebre da Ribeira Sacra

O conxunto de adegas medievais da Abelaira, na parroquia de Vilachá de Salvadur e Concello da Pobra do Brollón, acollerá a XXXII edición deste encontro vitivinícola do 2 ao 4 de maio. Coñecemos a programación.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na edición deste 2025 poderemos atopar na Feira do Viño de Vilachá un total de 12 postos que ofrecerán os seus mellores caldos. Cinco corresponderán ás adegas: Adega Vella, Bico de Lagar, Casa do Curuxo, Sernande e Tolo do Xisto; seis participantes máis son adegas baixo o réxime de furanchos, ‘colleiteiros’ en edicións anteriores: Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, O Currio, Os Conventos e Outeiro, ademais de Carlos Vázquez Díaz; e a maiores contarase coa presenza dunha adega convidada chegada dende O Morrazo: Antonio Portela de Viños do Mar.

Respecto dos participantes no evento, dende o Concello da Pobra do Brollón explican que, “coa excepción da adega convidada, todos os participantes teñen viñas en Vilachá, unha ribeira única na Ribeira Sacra que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional”.

PROGRAMA

A programación arrinca o venres 2 de maio cunha ‘pasadegas musical’ na que o músico e sumiller Juanjo Figueroa, acompañado de amizades, irá de adega en adega tocando música entre viños.

O sábado 3, Juanjo Figueroa e Cristina Alcalá (pregoeira) guiarán unha cata de viños de barrica de Vilachá baixo o título ‘Oralidade, pel e madeira’, na que tamén haberá unha sorpresa musical. Esta cata inclúe sete viños e ten un custe de 15 euros por persoa. Comezará ás 13:00 horas e require de reserva previa por WhatsApp no teléfono 650 624 828.

Juanjo Figueroa nunha cata en Vilachá. Foto: Concello da Pobra do Brollón.

O domingo 4, ás 13:00 horas, terá lugar o pregón a cargo de Cristina Alcalá, comunicadora da cultura do viño cunha traxectoria profesional de máis de 25 anos nos ámbitos da comunicación, a docencia e a xestión cultural. Tras o pregón actuará o alumnado da Escola municipal de Música ‘Samoeiro’. Ás 19:00 horas rematará a feira cunha cata-concurso dos viños de furancho. Daranse dous premios, o do xurado e o popular. Ambos decídense no mesmo momento nunha cata a cegas dos viños dos furanchos participantes nas categorías de branco e tinto.

ATRACTIVOS PARA A PARTICIPACIÓN E AMBIENTACIÓN MUSICAL

A participación dos e das asistentes á Feira e a rotación polas diferentes adegas e furanchos participantes tamén se fomenta cun sorteo dunha noite con circuíto termal para dúas persoas no Hotel Iberik Augas Santas (Pantón). Para participar, hai que recoller unha tarxeta no punto de información da feira e enchela cos selos de polo menos seis adegas e/ou furanchos participantes na Feira. As tarxetas seladas deposítanse no mesmo punto de información para participar no sorteo.

Para matar a fame dos e das visitantes haberá polbo e churrasco, ‘foodtrucks’ con hamburguesas e alternativas veganas e vexetarianas, ademais doutros postos de comida con opcións doces e salgadas.

Tanto o sábado como o domingo da Feira do Viño estarán animados por trece agrupacións de cantos de taberna e música tradicional. O sábado participarán Dakidoasma, Os Bochetas, Os Ministreles, O Recanto, Searas, Skachakunchas e Son do Mao. O domingo será a quenda de Abertal, Cantareiras de Fornelas, D’Tazas, Escola de Música Samoeiro, Lagháchema e Somontanos.

ÚLTIMAS

‘Rompendo a Lei do Silencio’, unha charla impactante sobre o acoso escolar de Iñaki Zubizarreta

A entidade cultural monfortina Aulaberta vén de organizar unha moi interesante conferencia na que...

Montserrat Mulet, presidenta do PP de Paradela

Montserrat Mulet foi elixida nova presidenta do PP de Paradela, de onde é alcaldesa,...

Segredos de Pantón organiza este 26 de abril un Foro de Debate sobre o Modelo Turístico e Cultural na Ribeira Sacra

O Foro conta coa participación da Comunidade Local e de diferentes teóricos vinculados á...

“Tomando un libro con Arantza Portabales” este 26 de abril no restaurante Abadía de San Simón

Arantza Portabales presentará a súa última novela "Asasinato na casa rosa". O libro está dispoñible...