HomeTerra de LemosA Pobra do BrollónCompleta programación para a X edición da Feira Guímara

Completa programación para a X edición da Feira Guímara

O evento, que conmemora a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos, desenvolverase no campo onde se celebraban antes as feiras da Pobra, ao carón do río Rubín, do mediodía ata a noite do sábado 12 de xullo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Feira Guímara deste 2025 arrincará ás 12:00 horas co pregón a cargo de Belén López Rodríguez, xornalista cultural oriúnda da parroquia pobrense de Recemunde, e despois terá lugar a representación da revolta guímara a cargo da veciñanza. Unha performance na que se recrea o momento histórico no que os Condes de Lemos intentaron someter o territorio da actual Pobra do Brollón pero o pobo non se deixou asoballar

A continuación haberá un vermú animado polo grupo tradicional quirogés O Recanto e paralelamente unha demostración de oficios tradicionais –forxa e torno de madeira– a cargo do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD).

Para a hora de xantar, como vén sendo costume, instalaranse mesas de uso libre baixo a sombra das árbores. A idea é que os asistentes leven a súa propia comida a modo romaría, mais tamén haberá un posto de polbo e foodtruck da cooperativa Tres Fuciños. A agrupación O Recanto volverá animar a sobremesa.

XOGOS POPULARES, ACTUACIÓN INFANTIL E CONCERTO

A programación continúa despois do xantar con xogos populares para todos e todas as que queiran participar. Haberá a disposición xogos como a chave ou a ra e tamén se organizará un concurso con categorías infantil e adultos.

Ás 20:30 comezará ‘Rogelio, un pallaso en recuperación’, un espectáculo de novo circo para todos os públicos. O actor e clown Dani Blanco dará vida ao entrañable Rogelio nunha divertida peza que, a través do circo, malabares e maxia, fala de autosuperación para perdedores e do reto de rir de nós mesmos e mesmas.

Entrada a noite, a partir das 22:00 h, dará comezo o concerto de Brassica Rapa, a primeira fanfarria galega completamente feminina, formada por sete músicas que se inspiran nas brass bands neoiorquinas, nas big bands e nas charangas tradicionais. Nun concerto moi alegre e bailable, traerán á Feira Guímara grandes éxitos do pop, da música tradicional galega, pasando polo jazz. 

Ademais dos eventos programados, haberá espazo para a artesanía e a produción local, con quince postos de oferta variada, incluíndo mel, cosmética natural, téxtil, xoiaría, coiro e vidro. 

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...