InicioCulturaOs pobrenses, orgullosos da súa condición de ‘Guímaros’

Os pobrenses, orgullosos da súa condición de ‘Guímaros’

Os Condes de Lemos intentaron someter o territorio da actual Pobra do Brollón pero o pobo non se deixou asoballar. Falamos coa artífice da Feira Guímara, evento que lembra ese episodio histórico o 13 de xullo, e coñecemos por ela un anticipo da gran revelación que se dará a coñecer despois do pregón...

Publicado o

- Advertisement -

Disque os Condes de Lemos sempre quixeron facerse coas terras da Pobra do Brollón e nos séculos XV e XVI as tensións e os litixios entre as dúas partes foron constantes. Como elemento de presión os señores de Lemos esixían á poboación da Pobra tributos ilexítimos e obrigaban aos veciños e veciñas a realizar traballos agrícolas sen recibir salario. Os pobrenses defendéronse polas boas, polo legal, e gañaban os recursos cousa que aínda provocaba máis tensión polas ganas que lle tiñan ás terras os Condes de Lemos. As ofensas e os abusos continuaban e a cousa rematou en revolta popular, unha contenda na que os veciños e veciñas do lugar opuxeron resistencia, sen medo e con gran valentía, aos poderosos Condes. Dada esa rebeldía e valentía amosada polo pobo, os de Lemos denominarían aos da Pobra como “guímaros”, sinónimo de rudos, testáns e rebeldes.

Falamos con Mónica Rodríguez Vázquez, concelleira de eventos no Concello da Pobra do Brollón.

Como xurdiu a idea de organizar este evento?

A idea xurdiu hai xa moitos anos, antes xa de ser concelleira, sempre pensei que este feito histórico que celebramos o sábado, polo cal nos temos que sentir orgullosos e orgullosas, tiña que ser coñecido e recoñecido. Mais todo comezou no momento no que lle amosei o proxecto ao noso Alcalde, José Luís Maceda, a idea encantoulle e xa nos puxemos a traballar, disto hai xa 6 anos.

Os veciños e veciñas da Pobra do Brollón apoiaron dende os inicios esta celebración?

Nun momento no que se quixo cambiar o nome dunha rúa da Pobra polo de rúa dos guímaros, moitos dos veciños e veciñas opuxéronse ao cambio, isto foi no 2008. Dende aquel momento o concello leva traballado moito para que esta situación se revertese e pasaramos a sentirnos orgullosos/as de ser guímaros/as.

Veciñas e veciños da Pobra do Brollón participando na representación da revolta guímara. Foto: R.R.

Un dos momentos máis esperado é cando se representa o enfrontamento entre o Conde de Lemos e os Guímaros. Como se prepara esa escea?

Os encargados deste tema son José Luis de Santalla e Luís Carlos, representando o primeiro ao líder dos pobrenses revoltados e o segundo ao Conde de Lemos. José Luis prepara o texto do enfrontamento dialéctico e Luís colabora, quedan para preparalo e o venres faise un ensaio para que o día seguinte saia todo ben. Para a redacción deste ‘guión’, que vai mellorando cos anos por coñecermos mellor a historia do acontecemento, tamén se conta coa axuda de Xurxo Ayán e Olga Novo.

Que lles queda aos pobrenses dese carácter testán, rudo e bravo que se lles apoñía daquela ao chamarlles ‘Guímaros’?

Creo que seguimos a ser valentes, bravos/as e decididos/as, coma aqueles nosos devanceiros do século XVI, que non dubidaron en arriscar as súas vidas para loitar contra unha enorme inxustiza e defender o que era seu.

Como evoluciona o atractivo desta Feira Guímara, en implicación veciñal e en asistencia de público?

Cada ano aumenta un pouco en número de asistencia, pero o que máis nos gusta é que en cada nova edición os veciños/as da Pobra se implican máis, participando en todas as actividades da feira, pero sobre todo na escenificación da revolta guímara. Esta teatralización é levada a cabo por veciños/as, liderados por José Luís de Santalla e Luís Carlos da Pobra, dende a primeira edición da Guímara e dun xeito totalmente desinteresado

Que novidades destacarías do programa deste ano?

A principal novidade deste ano é o roteiro que realizará o arqueólogo Xurxo Ayán ás 18:30 polo casco vello da Pobra e ensinándonos un pouquiño máis sobre a nosa historia.

Pero o momento máis importante desta feira será cando Olga Novo nos amose os novos documentos que ela mesma atopou, sobre a nosa historia, e relacionados con esta revolta guímara. Un deles é un “documento de pleito” no que aparece unha figura a partir da cal se podería desenvolver a ‘lenda do guímaro’ e  o outro un escrito orixinal de “carta puebla” do que se deduce que a orixe da Pobra do Brollón estaría en Santalla. Como podedes imaxinar, documentos inéditos e relevantes para a nosa historia que presentará Olga Novo aos presentes despois do pregón de Noa Moreira.

Programa completo

12:00 h. Pregón da Poeta guímara Noa Moreira.

12:45 h. Representación da revolta guímara no antigo campo da feira, a carón do río Saa.

13:30 h. Xantar popular.

17:30 h. Café concerto con Cé Orquestra Pantasma.

Cé Orquestra Pantasma, un clásico da celebración guímara. Foto: Cé

18:30 h. Visita guiada polo casco vello da Pobra do Brollón con Xurxo Ayán.

19:30 h. Xogo de probas para cativas e cativos.

20:30 h. Pasarrúas a cargo do grupo APERTA.

21:00 h. Cantos de Cego.

21:30 h. Espectáculo de narración oral con Celso Sanmartín.

22:30 h. Espectáculo de rúa.

23:00 h. Fin de festa co grupo APERTA.

Durante o día realizaranse pases de cetraría e haberá postos e demostracións de oficios.

Exhibición de cetrería / XdL

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...