InicioTerra de LemossanidadeComo prexudica a pandemia á nosa saúde bucodental?

Como prexudica a pandemia á nosa saúde bucodental?

Damos conta dalgunhas consecuencias negativas que está a provocar a Covid-19 na atención e coidado das nosas bocas. Falamos coa odontóloga María José Martín.

Publicado o

- Advertisement -

O impacto da Covid-19 na nosa saúde é indubidable, e a súa prolongación no tempo está prexudicando aínda máis certas patoloxías mentais e físicas. “A situación de estrés e de incerteza sostidas no tempo están aumentando a ansiedade e iso na boca tamén se nota”, dinos a Dra. María José Martín, odontóloga monfortina.

“A situación de estrés e de incerteza sostidas no tempo están aumentando a ansiedade e iso na boca tamén se nota”

Comentamos con ela algunhas consecuencias que está a provocar a pandemia en patoloxías coas que se atopa no día a día na súa clínica de Monforte.

O BRUXISMO

Esta patoloxía, coñecida tamén como a ‘enfermidade silenciosa’ consiste en apertar de forma inconsciente a mandíbula e rinchar os dentes, producindo desgaste dos mesmos, insomnio e outras doenzas musculares e articulares. Aínda que é máis habitual que se dea pola noite, mentres durmimos, tamén se pode dar polo día.

Segundo comenta a Dra. María José Martín, o bruxismo está en aumento en xeral pero a raíz da pandemia están notando que hai máis casos e algúns xa diagnosticados están empeorando. “Vén xente por dor e incluso fracturas de pezas dentais sas… algunhas abertas de arriba a abaixo”, confesa advertíndonos de que non esaxera.

En palabras da Dra. Martín, “a ansiedade e o estrés sostidos no tempo por culpa da pandemia están a empeorar este tipo de patoloxía”.

Dra. María José Martín / Foto cedida

ENFERMIDADES PERIODENTAIS

Son patoloxías que lle afectan ás enxivas con inflamacións que danan o tecido brando e que, sen tratamento, poden incluso destruír o oso que sostén os dentes. A ‘periodontite’, pode provocar que os dentes se afrouxen ou incluso que se perdan.

Estas enfermidades, polo xeral, estaban estables cun seguimento de control rutineiro en centros odontolóxicos, pero a pandemia trouxo descontrol. Os controis e citas periódicas cos/coas dentistas foron deixándose por medo, apatía… “a enerxía enfocouse no fundamental e descoidouse a hixiene bucodental”, apunta María José advertindo a consecuencia diso “un empeoramento das enfermidades periodentais en gran parte da poboación”.

“A enerxía enfocouse no fundamental e descoidouse a hixiene bucodental”

E non só é prexudicial para a saúde bucodental o deixamento e falta de control odontolóxico, a medicación contra a ansiedade e o estrés, por exemplo, está a provocar cambios hormonais e sequedade de boca, situacións que reducen a creación de saliva e aumentan o risco de caries.

TRATAMENTOS XERONTOLÓXICOS

A atención bucodental dos maiores viuse tamén claramente prexudicada pola pandemia ao perder o control periódico cos seus e as súas dentistas. Entendible, sobre todo no peor da pandemia e sen a chegada das vacinas, ao ser o sector máis vulnerable da poboación. Actualmente, aínda que non vemos de todo a luz ao final do túnel, as pautas de vacinación e a seguridade sanitaria anticovid nos centros médicos en xeral ofrécelles máis garantías.

Con todo, María José dinos que “houbo pacientes aos que non vin en case dous anos e noteinos máis envellecidos e cun empeoramento xeral da boca por non ter un seguimento”.

Foi habitual, cóntanos tamén, “atopar xente maior que tiña próteses e dentes fracturados, por exemplo, pero que non tendo dor ou con dores leves foron aguantando ata que chegaron as vacinas”. E claro, non podendo facer seguimentos, axustes de medicacións, tratamentos, etc,  prexudicou moito a súa saúde bucodental.

“Houbo pacientes aos que non vin en case dous anos e noteinos máis envellecidos e cun empeoramento xeral da boca por non ter un seguimento”

E que dicir tamén da importancia deste seguimento odontolóxico a maiores polimedicados, pois a saúde dental repercute no desaxuste doutras enfermidades coas que pode convivir unha persoa. Pacientes oncolóxicos, embarazas, ou persoas con outras patoloxías concretas –doenzas cardiovasculares, diabetes, etc–, necesitan un control dental exhaustivo.

INTENTANDO RECUPERAR A NORMALIDADE

O pasado 2021 foi un ano de “posta a punto”. Así o cualifica a Dra. María José dando a entender que a volta dos pacientes á rutina serviu para reconectar, poñer ao día tratamentos e recuperar unha saúde bucodental óptima.

Ao marxe do que significan os tratamentos médicos, María José di que o estado anímico da xente semella que mellorou algo pero a sensación da xente de “estar farta” está moi presente.

ÚLTIMAS

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...