Desde APT Galicia convocan concentracións para este xoves, 16 de novembro, na maioría das áreas sanitarias da comunidade. A concentración de Monforte de Lemos será na entrada principal do Hospital Comarcal ás 13:00h. O colectivo anima ao resto de categorías que se poden ver afectadas por moitas das súas demandas, a que participen das concentracións e se unan ás súas peticións, “por ser melloras comúns”.
Esta é a terceira concentración deste movemento e a segunda a nivel autonómico. Aseguran que demandan melloras que inflúen directamente na atención aos doentes, ademais da recuperación dos seus dereitos. Denuncian, “o uso abusivo de contratos precarios, de días, ou no mellor dos casos, de meses, con horarios laborais que moitas veces se comunican ao traballador cun só día de antelación, tendo que exercer o seu traballo nunha unidade diferente cada día ou incluso dentro da mesma xornada. A situación supón unha gran presión nos profesionais e un risco innecesario para a seguridade dos doentes, minguando a calidade asistencial.”
Consideran desde APT que cada vez faise máis evidente a falta de enfermeiras dispoñibles para cubrir as ausencias do persoal da plantilla estable (vacacións, días de descanso, asuntos propios, incapacidades temporais).
Califican a xestión do Sergas de improvisación continua afectando á calidade dos coidados, “A mala xestión da administración e a falta de previsión das crecentes necesidades dunha poboación cada vez máis lonxeva favorecen o deterioro da Sanidade Pública, o incremento desorbitado da actividade privada e a migración de compañeiras fóra de Galicia e incluso de España. Por todo isto, volvemos saír a rúa”, conclúen.