HomeTerra de LemosSoberUn foro organizado en Sober pon en valor 'o pulo económico do...

Un foro organizado en Sober pon en valor ‘o pulo económico do rural’

Trátase do "Encontro de Sober" para impulsar o desenvolvemento do medio rural a través do diálogo entre industria, agro, universidade e sector público. O foro económico desenvólvese no Áurea Palacio de Sober os días 9 e 10 de maio.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este 9 de maio tivo lugar a primeira xornada do foro “O Encontro de Sober” nun dos salóns de actos do establecemento Áurea Palacio de Sober. As autoridades presentes na inauguración, ademais do Alcalde anfitrión, Luis Guitián, foron: a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; a deputada provincial, Raquel Arias; o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Valín; e o presidente do Consello Reitor de CESUGA, Venancio Salcines.

A titular de Medio Rural, María José Gómez, participou na inauguración do evento e posteriormente na mesa redonda “Sen corazón non hai corpo: o sector lácteo en Galicia”. Neste contexto, María José Gómez salientou os retos de futuro deste eido produtivo estratéxico en particular e  do agro galego en xeral. Así, referiuse á necesidade de seguir impulsando a remuda xeracional e fomentando o traballo da industria agroalimentaria, como o vén facendo a Xunta a través de iniciativas como as axudas para a realización de investimentos produtivos nas explotacións e para a incorporación de mozos. En relación con estas últimas, a conselleira lembrou que case 5.000 mozos recibiron apoio da Xunta para acompañalos no seu proxecto empresarial. Moitos deles, incidiu, no sector leiteiro. Ademais, fixo fincapé na importancia da formación e capacitación da xente máis nova que se incorpora nas explotacións, algo ao que o Goberno galego tamén presta especial atención.

A conselleira falou de axudas e apoio á apicultura, de dotacións de terreo aos produtores co obxectivo de mobilizar e ordenar máis terra, así como de axilizar aquela que estea en proceso de concentración parcelaria. Nesta liña, a conselleira subliñou que arestora son xa arredor de 35.000 as hectáreas que están a ser recuperadas a través das parcelarias e os instrumentos de mobilización da Lei de recuperación da terra agraria, e que a previsión sitúase no horizonte das 65.000 hectáreas, para continuar sumando superficie.

Sobre o sector leiteiro en concreto, puxo de relevo que Galicia lidera o sector en España, producindo arredor do 42% do total nacional e transformando na nosa comunidade máis do 63% do produto. Neste sentido, indicou que a Xunta mantén un diálogo constante con todo o sector para defender a necesidade dunha estabilidade dos prezos, que garanta aos gandeiros cubrir ou seus custos de produción e obter unha marxe de beneficio.

EMPREGO NO RURAL

Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou como relator na mesa Emprego no rural galego: retos e oportunidades. Puxo de relevo a estratexia do seu departamento para consolidar negocios e emprego de calidade no rural, contribuíndo tamén a fixar poboación. Nese senso, apelou á colaboración público-privada e ao proceso de escoita activa cos axentes sociais como imprescindibles para acadar un mercado laboral aberto, accesible e sen fronteiras, consolidando datos como os que reflicten que o sector primario foi no que máis caeu o paro no mes de abril en comparación co mes anterior.

Así mesmo, referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta xa con 13 centros activos con especial incidencia no rural e que ten atendido arredor de 1.800 iniciativas empresariais nos case dous anos que leva activa. Por sectores, segundo dixo, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e das actividades de comercio. No marco desta Rede, vénse de habilitar unha web con microguías de emprendemento para orientar sobre tipos de negocio para poñer en marcha, incluída a transmisión de empresas que vaian pechar para garantir a súa continuidade.

O conselleiro apelou tamén á importancia do tecido comercial, lembrando accións como a 5ª campaña Bono Activa Comercio que vén de rematar, e sinalou a importancia de captar talento entre os galegos residentes no exterior e os estranxeiros interesados en establecerse na nosa Comunidade. Nese senso, destacou que arredor do 20% das persoas que se achegaron ata a Rede de polos proceden de fóra de Galicia, xa sexan retornadas, descendentes de galegos ou oriúndas doutros países sen vinculación directa coa nosa terra. Entre as razóns que os moven a vir á nosa Comunidade, destacan, por esta orde: buscar unha mellor calidade de vida, volver ás súas orixes ou o gusto pola nosa Comunidade.

INTERVENCIÓN DA SUBDELEGADA DO GOBERNO EN LUGO

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, tamén estivo presente na inauguración destas xornadas organizadas por CESUGA para promover o desenvolvemento do medio rural mediante o diálogo entre industria, agro, universidade e sector público.

Isabel Rodríguez agradeceu ao Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia e a todas as entidades colaboradoras “a creación destas xornadas para falar das sinerxias industria-rural, pero tamén para falar de nós, da Galicia do interior, emprendedora, traballadora e con infinitas posibilidades”.

Defendeu a necesidade de “sumar esforzos para materializar o potencial do rural en proxectos chave que dinamicen o territorio a nivel económico e social”, destacando o potencial da comarca e da provincia “en todos os sectores, desde o forestal ata o lácteo, desde o cárnico ata o vitivinícola”.

A subdelegada do Goberno en Lugo afirmou o seu convencemento de que o rural ten futuro, “ten futuro se todas e todos traballamos arreo e en conxunto por el”, dixo. E puxo en valor o espazo de diálogo do encontro ao considerar que “brinda a oportunidade de escoitar experiencias e aportacións de distintos sectores desde unha perspectiva académica, empresarial, sindical ou da xestión pública”.

Na súa alocución, tamén mencionou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, considerando que será “o impulso definitivo á diversificación e desestacionalización do turismo na comarca”.

Intervención Isabel Rodríguez. Foto: Deleg. do Goberno en Lugo.
O ENCONTRO DE SOBER

Este foro económico, organizado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, reúne a máis de 60 expertos e expertas que trasladan a súa visión sobre os temas mencionados no transcurso dun encontro e que reúne a 400 asistentes durante os días 9 e 10 de maio no Áurea Palacio de Sober.

Cun total de 15 mesas temáticas de acceso gratuíto, estas xornadas pretenden ser un foro de referencia no que a Galicia empresaria, a industrial e a rural atopen vínculos e inspiración.

Cada un dos relatorios está dedicado a un sector específico: tecnolóxico, financeiro, mineiro, forestal, sustentabilidade, lácteo, vitivinícola, cárnico, xestión do risco, enerxías renovables, emprego e emprendemento.

O programa completo: https://oencontro.gal/oencontro_sober-24/

ÚLTIMAS

Ferran Centelles: “Delicadeza é o que falta historicamente en España e a Ribeira Sacra ten o potencial de ofrecer eses viños”

Esta cata forma parte dos esforzos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para destacar...

O IES A Pinguela, único instituto de Galicia con FP de calzado e complementos de moda

Do encontro participou o profesorado do IES A Pinguela con empresarios monfortinos do sector...

O 30 de xuño o colexio de Sober celebra o 50 aniversario cun xantar de confraternidade

Ao longo deste medio século de vida teñen pasado polo centro máis de 1.270...

Próximas xuntanzas das Comunidades de Aprendizaxe “Montes de Saberes”

Nestes encontros debaterase e realizarase unha folla de roteiro para que as Comunidades de...