InicioCulturaAntonio do Nicho, o novo viño producido en Chantada

Antonio do Nicho, o novo viño producido en Chantada

Publicado o

- Advertisement -

O chantadino David Vázquez é coñecido pola súa faceta de realizador e produtor audiovisual. O que poucos saben é que dende neno, sempre estivo moi arraigado á cultura vitivinícola da zona. O seu amor pola terra co viu nacer sempre estivo moi latente en todas as obras audiovisuais que produciu. Na súa longametraxe Asolagados tratou o impacto da construción do embalse de Belesar. Nas curtametraxes As almas do Fental a problemática do despoboamento das aldeas, en Empantanados, a desaparición do rural pola construción de encoros e con eles, a desaparición de viñas como as da súa casa, e en O Moredo, a resistencia do entroido ribeirao. Problemas comúns do rural galego que mudaron a súa forma de vida e a dos seus habitantes.

Tal é a paixón que ten polo rural, que, tras moito darlle voltas, sacará ó mercado o viño Antonio do Nicho, “unha historia que comeza en Cuba e remata no teu padal”.

Cal é o motivo de sacar agora un viño ó mercado?

É un espiña que sempre tiven cravada. Dende neno traballei as viñas da casa. Crieime entre cepas e vides. É unha forma de vida á que non quixen renunciar. Pero para cando meu sogro deixou de traballar as viñas, soamente tiñamos dúas opcións, deixalas a monte ou seguilas traballando. Fixen viño toda a vida pero nunca o comercialicei así que realmente seguirei facendo o de sempre pero vendéndoo.

Antonio do Nicho, quen é?

É o avó do meu sogro. El foi un home  que no 1918, como outros moitos, emigrou á Cuba da época para poder gañar cartos. Para cando regresou, inverteu os aforros en viñas que xunta ca gandería, converteríanse no sustento familiar daquel home.

As viñas de onde vai saír esta produción son as que el mercou no seu día. O nome é unha homenaxe a todos os anos pasados e o que para el significaron aquelas terras que lle deron cartos para comer toda a vida.

Como tes orientada a produción?

O viño vai ser soamente o que produza na finca da Mingona, que está en San Fiz, Chantada. Si é certo ca vou arranxar e plantar máis cepas pero nada máis. O viño que se vai embotellar será o que naza nesas terras. Estimo que nun bo ano e logo dos plans que teño para ela poderei vender unhas 2.000 botellas ó ano.

Esa é unha produción pequena,

Certo. Pero é que non quero vivir disto. Soamente darme a satisfacción de facelo. Non teño en mente adicarme a isto profesionalmente. Eu teño a miña profesión a cal non vou abandonar. Soamente é un complemento da miña vida. Necesitaba por en valor a terra e as súas uvas.

Por outra banda, non teño pensado mercar uvas de fora para mesturar cas miñas. Se un ano é malo, pois en lugar de 2.000 serán menos, pero xa está, non teño máis pretensión ca que expliquei.

Cales son os elementos diferenciadores do seu viño con respectos a outros?

Como xa dixen é unha produción pequena. Ademais, é un traballo manual. Nela fanse todos os traballos a man. Ata carrexas as uvas. Os cestos sóbense ás costas polos bancais. Non teño nada mecanizado nin penso facelo. Somos 3 a traballar nesta terra e seguirémolo facendo. De xeito manual e da mellor forma que sabemos.

Por outra banda, a adega que imos usar é a que Antonio do Nicho fixo no seu día. É certo ca estamos arranxando porque está moi deteriorada pero imos respectar a construción pasada.

Esta pregunta é obrigada, para cando unha produción audiovisual baseada no viño?

Pois a verdade é que aínda non teño nada en mente porque estou máis centrado noutro proxecto pero non o descarto. Tamén é certo que amo o pasado e vivo o presente. O futuro non me importa. Igual fago un documental sobre o tema como igual non, non o sei. Pero tampouco me preocupa, a verdade.

ÚLTIMAS

Destilación de crise e medidas de apoio para a D.O. Ribeira Sacra

A Consellería do Medio Rural vén de anunciar que pedirá ao Ministerio de Agricultura,...

Ruta xeolóxica do alumnado do IES A Pinguela

A natureza concibida como unha gran aula foi o escenario dunha actividade organizada polo...

Presentación da 29ª Mostra de viños da Ribeira Sacra de Pantón

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde do Concello de Pantón,...

Presentada en Taboada a programación de ‘RaizameS’

Conta atrás para a segunda edición de 'RaizameS' que se celebrará os días 10,...