Segundo palabras do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, as obras proxectadas para o ‘xeocamping’ de San Clodio, no Concello de Ribas de Sil, servirán para “continuar coa súa aposta por este espazo que está chamado a ser un elemento dinamizador do desenvolvemento turístico, social e cultural do municipio”.
Javier Arias realizou unha visita a este recinto o venres 18 de marzo xunto co alcalde, Miguel Ángel Sotuela, e aproveitou para informar das melloras e traballos a realizar no espazo. O investimento total da actuación será de 70.100 euros e as obras están cofinanciada nun 70% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do plan Hurbe, mediante un convenio polo que o concello asumiu a elaboración do proxecto e o departamento autonómico a contratación da execución e dirección das obras.
ACTUACIÓNS DE MELLORA
Os traballos consistirán na mellora dos accesos ás actividades didácticas do exterior do museo, a modificación da entrada aos vestiarios e a mellora de vías en xeral, formando sendeiros peonís en lousa de cuarcita para o acceso aos bungalows.
Tamén se levarán a cabo actuacións de xardinaría, outras relacionadas coa rede de iluminación e acondicionamento da área de servizo para autocaravanas e aparcadoiro interior, e instalación de mobiliario urbano: bancos, papeleiras, fontes e sinais verticais. O prazo de execución das obras será de tres meses.
XEOCAMPING
O “xeocamping” é un proxecto presentado polo Concello de Ribas de Sil no 2019 como “o primeiro camping de Galicia no que os bungalows están construídos aproveitando contedores mariños reciclados”. A día de hoxe, e xa preto da súa inauguración, o complexo reúne un cámping turístico con 8 bungalows e o futuro Museo da Minaría Aurífera Romana na localidade de San Clodio.
Na construción do edificio do museo traballou un obradoiro de emprego da Xunta e o proxecto de musealización conta co apoio da Consellería do Medio Rural a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel.